A secretaria da Igualdade participa en Viena no programa internacional Itineris, contra a trata e a prostitución

A xuntanza terá lugar os días 24 e 25 de agosto e reunirá aos tres países socios do programa, Brasil, Portugal e Galicia.

A participación no proxecto Itíneris resulta de gran interese para Galicia, tendo en conta que Brasil encabeza os países de orixe das mulleres que exercen a prostitución na comunidade autónoma.

Listen to this page using ReadSpeaker
23 de agosto de 2011.

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, viaxa hoxe a Viena (Austria) onde participará os días 24 e 25 nos traballos de posta en marcha do programa internacional Itineris, do que Galicia forma parte como socia, xunto a Portugal e Brasil. Promovido polo Centro Internacional para o Desenvolvemento de Políticas Migratorias (ICMPD en inglés), o programa ten como obxectivo establecer medidas e actuacións coordinadas entre os países participantes para protexer os dereitos das persoas inmigrantes, especialmente no ámbito da explotación e da trata, cunha liña de actuación complementaria entre os países de orixe e de destino.

O obxectivo das xornadas de Viena é presentar as actividades e calendario de Itíneris, distribuir as tarefas entre os países socios e identificar as potenciais sinerxias entre as accións específicas de Itíneris e as políticas desenvolvidas polos socios nesta materia.

Está previsto estruturar un primeiro nivel de actuacións centrado na prevención da migración irregular no país de orixe, neste caso Brasil, a través de campañas de información á poboación brasileira relativa aos países máis relevantes de destino e aos riscos asociados á trata de mulleres para a prostitución. Esta campaña de información estará centrada en oito estados de Brasil que son os principais focos de orixe de mulleres con destino a Europa para exercer a prostitución, Acre, Bahía, Ceará, Goiás, Pará, Pernambuco, Rio de Xaneiro e Sao Paulo. O segundo nivel de actuacións previstas está dirixido a optimizar a capacidade das administracións de cada país na loita contra o tráfico e a trata de seres humanos. E nun terceiro nivel, vanse adoptar accións para fortalecer a cooperación nacional e internacional na loita contra a trata, con consultas transnacionais e intercambio de mellores prácticas.

A participación en Itíneris resulta de gran interese para Galicia, tendo en conta que Brasil encabeza os países de orixe das mulleres que exercen a prostitución na comunidade, xunto a Romanía e Nixeria. Segundo datos da memoria de 2008 da Fiscalía Superior, o número de mulleres identificadas en Galicia entre 2005 e 2008 polas forzas de seguridade como vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual foi de 234, de acordo co posto de manifesto por elas mesmas en dependencias policiais.

España, país de destino das vítimas
Os informes da ONU consideran que España é utilizada como país de tránsito nun grao que se considera baixo e como país de destino nun grao alto, recibindo vítimas procedentes de Colombia, República Dominicana, Nixeria, Rusia, Ucrania, Romanía, Bulgaria, Brasil, Croacia, República Checa, Hungría, Marrocos, Polonia e outros países.

Centro Internacional para o Desenvolvemento de Políticas Migratorias (ICMPD)
O proxecto Itíneris é unha iniciativa do ICMPD, entidade con sede en Viena que ten como obxectivo mellorar e facilitar a cooperación rexional e internacional nas políticas de migración e promover políticas innovadoras, desde a perspectiva dunha migración global e sostible. A colaboración dos estados membros do ICMPD responde ao obxectivo de abordar mediante estratexias coordinadas de gobernos e organizacións internacionais a complexidade da migración.

Información relacionada

1111 lecturas