Santiago Camba pide “unificar esforzos” aos presidentes dos centros galegos na Arxentina.

O secretario xeral da Emigración interesouse polas necesidades e proxectos das entidades e ratificou o seu compromiso de manter as partidas orzamentarias destinadas a actividades sociosanitarias.

Algo máis de 30 centros galegos estiveron representados no encontro.

Previamente, Camba visitara as instalacións do Centro Galego de La Plata e o Centro Betanzos de Bos Aires.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2010.

O secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba, pediu este xoves aos presidentes dos centros galegos de Arxentina “unificar esforzos” entre as entidades e promover cada vez máis “actuacións conxuntas de maior peso e relevancia”. Nun encontro celebrado na sede do Fogar de Ribadumia, Santiago Camba, acompañado polo Delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, trasladou a vontade de colaboración da Administración autonómica galega na “conservación” do “patrimonio galego no exterior” e instounos a implementar políticas que leven cara á “fusión de entidades no medio e longo prazo”. Neste sentido, referiuse a experiencias exitosas como a que deu orixe ao Centro Galicia de Buenos Aires. Camba cualificou de “proceso inevitable” o que está levando ás institucións a reducir o número de socios e de maior idade cada vez e advertiu que hai que enfrontalo “con certa urxencia”. “Na medida que desde a Xunta podamos axudar nesta adaptación, o vamos facer”, comprometeuse.

O secretario xeral convocou aos máximos responsables dos centros galegos para manter con eles o diálogo aberto, “informar das medidas e actuacións que se están a poñer en marcha” no departamento de Emigración do Goberno galego e para “pulsar a súa opinión” respecto destas iniciativas. Neste sentido, expresou a súa intención de manter un “contacto permanente” cos centros da emigración e informoulles da aplicación das políticas de austeridade, aínda que ratificou o seu compromiso de manter as partidas orzamentarias dedicadas a actuacións sociosanitarias.

Camba interesouse polas necesidades e proxectos a futuro das máis de 30 entidades representadas no encontro. Así mesmo, expuxo a necesidade de reforma da Lei de Galeguidade para adecuala aos tempos vixentes e adiantou que o proxecto achegarase aos centros para consultas antes de remitilo ao Parlamento galego. Do mesmo xeito, o titular de Emigración instou aos asistentes ao encontro a incorporar nas entidades políticas de non discriminación, de igualdade entre o home e a muller e de políticas activas de incorporación da mocidade.

Previamente, Santiago Camba visitara o Centro Galego de La Plata e o Centro Betanzos, cos que mantivo cadanseu encontro coa comisión directiva e asociados.

1523 lecturas