Santiago Camba abre o IX Pleno do Consello de Comunidades Galegas "a mellor unidade operativa para facerse escoitar arredor dunha orixe común e fecunda"

O secretario xeral da Emigración no seu discurso inaugural remarcou a idea de “facer unha galeguidade de todos e para todos”, integrando novos dereitos dos galegos residentes no exterior.

Apelou a establecer un período de reflexión e debate sobre a “adecuación da Lei da Galeguidade e abrir este dereito a novas entidades con acreditada experiencia de traballo a favor dos galegos da diáspora”.

Camba puxo o énfase en introducir melloras no modelo asistencial e sociosanitario da emigración- referíndose á realidade dos emigrados en Iberoamérica- e solicitou aos dirixentes a facer das entidades “exemplos de atención eficaces, eficientes e sostibles”.

Explorar novas canles de comunicación interxeneracionais nas entidades e introducir na emigración políticas “desde o ángulo de interculturalidade e de xénero“, sostivo será “a mellor garantía para a supervivencia e adaptación á formulación social da Galicia do presente e do futuro”

Listen to this page using ReadSpeaker
7 de decembro de 2009.

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, abriu a sesión do IX Pleno do Consello de Comunidades Galegas que deu paso á lectura dos relatorios e posterior debate que determinarán cuestións hoxe de vital importancia que afectan ás comunidades do exterior e que marcarán o futuro da emigración.

O responsable de Emigración da Xunta de Galicia, arrancou o seu discurso inaugural remarcando que “este é un momento clave para definir cara a onde deben camiñar todos os esforzos e darlles continuidade” deixándose constancia, continuou, que “máis alá se decide” e que “a emigración é factor relevante”.

Unha galeguidade de todos e para todos
A adecuación da Lei da Galeguidade, abrindo “este dereito- a galeguidade- a novas entidades con acreditada experiencia de traballo a favor dos galegos da diáspora e integrando novos dereitos dos galegos residentes no exterior”, foi outras das liñas de debate que defendeu no transcurso da súa intervención inaugural.

O secretario xeral, quen preside este IX pleno, puxo énfase en introducir melloras no modelo asistencial e de prestacións sociosanitarias da emigración- referíndose á realidade dos emigrados en Iberoamérica- e solicitou aos dirixentes a facer das entidades de carácter socioasistencial “exemplos de atención eficaces, eficientes e sostibles”.

“Xuntos podemos facer máis e pesamos máis no mundo”
Camba animou aos 135 representantes dos centros galegos convocados o “dar impulso á cooperación, tender pontes e novas alianzas, facéndonos cargo do noso propio destino”, referíndose así a un dos puntos que contempla o Plan integral da emigración 2010- 2012-valorado positivamente pola Comisión Delegada de Montevideo- e que insta á integración dos centros “sempre que estes procesos estean determinados en común acordo das entidades, mantendo os obxectivos fundacionais”. Explorar novas canles de comunicación interxeneracionais nas entidades e introducir na emigración políticas “desde o ángulo de interculturalidade e de xénero“, sostivo Santiago Camba, será “a mellor garantía para a supervivencia e adaptación á formulación social da Galicia do presente e do futuro”, puntualizou.

No acto de inauguración estiveron presentes, así mesmo, algúns dos membros natos do IX CCG. Entre os que se deron cita na capital uruguaia interviron na sesión de apertura a conselleira de Traballo da Xunta de Galicia, Beatriz Mato, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.

Relatorios
Durante dous días- hoxe, 7 e o 8 de decembro- exporanse as principias liñas de actuación da Secretaría Xeral da Emigración e os relatorios, sobre os que se fará seguimento anual por unha comisión delegada permanente.

Galeguidade: Atende ao “fomento e apoio dos procesos tendentes á unión e integración das comunidades galegas, mantendo os obxectivos fundacionais das mesmas. Apélase a un esforzo común, coordinado e continuado e á implicación e o acordo das entidades con vocación de mellora constante”.

Políticas socioasistenciais: incídese no “desenrolo de políticas activas a favor da diáspora paisanos, con especial atención aos casos de precariedade. Velarase, na medida dos recursos e posibilidades existentes, por liquidar estas carencias e acadar un benestar integral, mellorando o modelo asistencial e de prestacións sociosanitarias da emigración. Cambios que redundarán en novas estruturas de xestión, administración e prestación de servizos máis eficaces, eficientes e centrados na calidade asistencial aos seus beneficiarios”.

Muller e xuventude: defende a “incorporación da mocidade da galeguidade ao tecido asociativo, unha responsabilidade- se propón- ha de xestionarse desde os propios centros galegos no exterior, como garantía de supervivencia e adaptación á formulación social da Galicia do presente e do futuro. Exploraranse novas vías para facer da muller un interlocutor de relevancia no seo das colectividades- ampliando os dereitos das galegas residentes na diáspora, favorecendo a súa inclusión sociolaboral e pondo á súa disposición as canles adecuadas para expor activamente as súas propostas nas colectividades”-.

Cultura e tecnoloxía: expón a necesidade concreta de que “o capital humano do que Galicia dispón, neste mundo globalizado, debe conectarse mediante iniciativas concretas, o que esixe da utilización sistemática das novas tecnoloxías postas ao servizo da cultura, a comunicación, a formación. O portal galiciaaberta.com é o punto de encontro virtual das Comunidades Galegas, desde onde dar visibilidade á actividade dos centros concibido para facilitar unha interconexión fluída e inmediata”.

2009 lecturas