Sabes de que poeta son os versos galegos que locen na Antártida?

  • Na imaxe, as e os integrantes da XXXI Campaña Antártica
    Na imaxe, as e os integrantes da XXXI Campaña Antártica
  • Javi, Víctor e Antonio, os galegos da expedición
    Javi, Víctor e Antonio, os galegos da expedición
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2018.

Transcribimos aquí o artigo de Antonio Piñeiro Un poema na Antártida, publicado no xornal ourensán La Región, no que relata a historia do cartel -e dá a coñecer os versos nel gravados- chantado na Illa Decepción que indica a distancia ata Celanova dende ese punto da Antártida:

«Nantronte pola noite, mentres facía tempo para a cea chegoume unha mensaxe dun parente que reside en Caracas na que me adxuntaba unha fotografía de tres militares españois fotografados a carón dese recoñecido indicador que sinala os milleiros de quilómetros que separan aquel afastado lugar do resto do mundo, termando os tres dunha bandeira galega e alcanzando a ver, sobre o poste indicativo, entre outros, un sinal de madeira no que se le: "Celanova 12556 Km".

A fotografía en cuestión está colgada na web da Xunta de Galicia, máis concretamente no espazo da Secretaría Xeral de Emigración, baixo un titular que pon: "Galeguidade a preto de 13.000 Km de Compostela". A nota contextualiza despois a imaxe, indicando que "o grupo de militares da XXXI Campaña Antártica e o grupo de científicos da Base Gabriel de Castilla aproveitaron o seu paso pola Isla Decepción para deixar claro que tres dos seus membros, Javi, Víctor e Antonio, son galegos..., e que están a 12.556 quilómetros, por exemplo, do concello ourensán de Celanova".

Seguro que arestora estaralle proendo por dentro a resposta a como foi que chegou tan lonxe unha placa sinalando a miña terra. Pois ben, voullo explicar de contado, porque, como todo, o asunto ten a súa pequena historia e un simbólico segredo.

O feito de que o meu curmán me alertara sobre a placa ten a súa razón de ser porque no verán, cando estivo en Celanova, andaba eu embeleñado na súa manufactura coa técnica do pirogravado. Un día que veu pola casa viuna e entón conteille o mesmo que lle vou contar agora a vostede de seguido.

Resulta que, como ten sido publicado en varias ocasións -tamén neste xornal-, un dos militares participantes na expedición é o capital Antonio Donis, natural do concello da Bola e fillo, polo tanto das terras de Celanova. El foi o que me suxeriu a idea de levar con el a placa e eu -loxicamente, coa súa aprobación- dinlle unha pequena volta e evolucioneina, preguntándolle se habería algún inconveniente por parte dos seus superiores en que, ademais da sinalización da distancia, fose incluído nela uns cantos versos dun poema.

Non fixo máis ca dicirme que si e eu púxenme mans á obra, cortando e gravando a madeira, non só co nome da miña vila e os quilómetros xa referidos, senón incluíndo nun recantiño os catro primeiros versos do poema Alma da terra que escribira Celso Emilio, precisamente en Caracas, e que di: "Lonxana Celanova vinculeira/ torre ebúrnea da miña mocedade/ cando te lembro sae da súa toqueira/ coma un furón de soños, a saudade...".

Xa hai días que Antonio Donis me fixo chegar unha foto da placa alí chantada e non sabe vostede a ilusión que me fixo! Pero agora, cando me volveu chegar, vía Caracas, entón foi cando certamente me decatei da verdadeira dimensión coa que nos pode sorprender a maxia».

 

Fonte: La Región

555 lecturas