Rueda e Miranda visitan a ampla comunidade galega en Newark, e participan no 75 aniversario da Casa de Galicia de Nova York

Arestora, viven máis de 17.600 galegas e galegos nos Estados Unidos, boa parte dos cales residen na primeira localidade, a cidade máis poboada do estado de Nova Jersey.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2015.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, viaxan hoxe e mañá aos Estados Unidos, onde manterán diversos encontros coas comunidades galegas dos estados veciños de Nova York e Nova Jersey, e tamén con autoridades locais.

Ao longo desta xornada de venres, Rueda e Miranda coñecerán os enclaves fundamentais da relevante diáspora galega, na cidade de Newark. Así, en primeiro lugar, visitarán a socias e socios, directiva, e instalacións, do Centro Orensano Social Club. Fundado en 1964 por un grupo de ourensáns, constituíron esta asociación para o fornecemento da cultura galega e organización de actividades de carácter recreativo.

Despois, vicepresidente e secretario xeral achegaranse ata a Peña Galega - Club España, onde manterán un encontro con sociais e socios, e membros da xunta directiva, e coñecerán as instalacións da entidade. Foi fundada no mesmo ano que a anterior, 1964, como lugar de encontro e acubillo das e dos emigrantes españois (dos cales arestora máis do 80 por cento son galegas e galegos) nesta área dos EE.UU.

O sábado
O acto central coa colectividade galega, que ten lugar mañá sábado, será a celebración do 75 aniversario da fundación da Casa de Galicia de Nova York, epicentro da diáspora galega na ’capital do mundo’. Trátase dunha entidade fundada en 1940 por un grupo de emigrantes galegos animados por Castelao (quen ata semanas antes residira na megalópole). Como asociación, foi promotora fundamental para a creación dunha cátedra de estudos galegos na Universidade de Nova York.

A pegada das actividades da Casa de Galicia, canda a crecente influenza das comunidades galegas tanto en Nova York como en Newark e toda Nova Jersey, ten o seu reflexo na actualidade, pois a diáspora galega está presente, e a un nivel relevante, en todo tipo de actividades e celebracións onde teñen representación as múltiplas culturas presentes na metrópole neoiorquina.

1030 lecturas