Rueda avanza que a posta en marcha da Sede Electrónica da Xunta permitirá unha administración “sen papeis, máis transparente e aberta e accesible aos cidadáns as 24 horas, os 365 días do ano”

O conselleiro de Presidencia destaca que desde o pasado venres, e a través do enderezo sede.xunta.es, estará a disposición dos cidadáns e as cidadás “un punto de acceso único a toda a Administración autonómica, co obxectivo de facer unha Xunta accesible, online e para todo tipo de procesos”.

Afirma que de xeito gradual, a sede electrónica, ofrecerá á cidadanía a mesma información e os mesmos servizos que, a día de hoxe, se ofrecen fisicamente en calquera ventanilla das consellerías.

Listen to this page using ReadSpeaker
24 de setembro de 2011.

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, afirmou o pasado xoves, trala rolda de prensa do Consello, que a posta en marcha da Sede electrónica da Xunta permitirá unha administración “sen papeis, máis transparente e, sobre todo, aberta e accesible aos cidadáns as 24 horas do día, os 365 días do ano”. “Desde mañá mesmo, e a través do enderezo sede.xunta.es, estará a disposición dos cidadáns un punto de acceso único a toda a Administración autonómica, co obxectivo de facer, baixo o horizonte de 2013, unha Xunta accesible, online e para todo tipo de procesos”.

Ao longo da rolda de prensa, Rueda explicou que, de xeito gradual, a sede electrónica, ofrecerá á cidadanía a mesma información e os mesmos servizos que, a día de hoxe, se ofrecen fisicamente en calquera ventanilla das consellerías. “Pretendemos que todos os procedementos administrativos que se poden facer entre os administrados e a Xunta, que son uns 1.500, se poidan facer, nese horizonte temporal de 2013, de xeito telemático”. E lembrou que, actualmente, son 120 os procedementos que se poden realizar de xeito telemático. A sede electrónica é unha das actuacións establecidas no Plan de Modernización da Administración, que ten un orzamento total de 26 millóns de euros ata 2013.

O conselleiro de Presidencia destacou, tamén, que esta sede electrónica proporciona todo tipo de garantías “xurídicas e de seguridade” en canto aos trámites que de xeito telemático faga o administrado coa Xunta de Galicia. “E vai permitir, ademais, que os cambios que se podan producir na estrutura, na organización administrativa non repercutan no cidadán”.

Rueda destacou que Galicia foi pioneira na incorporación das TIC na Administración, como poñen de manifesto os datos: “somos a terceira comunidade, a día de hoxe, con maior uso da Administración electrónica para obter información das páxinas web; e a quinta comunidade en descarga para cumprimentación dos formularios oficiais a través das páxinas que a Xunta pon a disposición dos cidadáns”.

Así mesmo, lembrou que no ámbito das TIC o Goberno galego está a mobilizar un investimento de 1.600 millóns de euros, que se encadran dentro do Plan Axenda Dixital 2014.gal. “Un plan que contra con tres obxectivos: introducir as novas tecnoloxías en todos os ámbitos, administrativos, educación...; achegar a administración a todos os cidadáns, todos os días do ano; e garantir o acceso a internet en todos os fogares galegos a través do Plan de Banda Larga”.

Unificación dos rexistros da Xunta e impulso da tramitación telemática
Na súa comparecencia ante os medios, o conselleiro de Presidencia, subliñou a aprobación tamén este xoves do Decreto de organización e funcionamento das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxectivo “claro e definido de impulsar tamén o uso dos medios electrónicos e de facilitarlle tamén ao cidadán a súa relación coa Xunta de Galicia”.

A principal novidade que introduce este decreto é, segundo concretou Alfonso Rueda, que establece un sistema único de rexistro, unificando os 150 que actualmente ten en funcionamento a Xunta entre rexistros principais e auxiliares, cifra que chegaría ata 500 se se suman tamén os conveniados. Asegurou que a Xunta pretende que o proceso estea culminado a finais de 2013, cando se agarda que os cidadáns, “con independencia de onde teñan que presentar a súa solicitude ou onde teñan que tramitar un procedemento o estean facendo cun único rexistro, cunha única canle e, polo tanto, cun interlocutor, desde o punto de vista de presentación de documentación, único tamén”.

O responsable de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza enmarcou este decreto na estratexia de “papel cero”, xa que no mesmo horizonte temporal de 2013 se fará posible que “os cidadáns que así o desexen” poidan presentar a súa solicitude de xeito telemático. Así, con independencia da obriga que se establece na creación da Sede Electrónica da Xunta de tramitar todos os procedementos telematicamente, tamén se lle facilita ao cidadán a opción de presentalo dese xeito se así o desexa, concretou.

Segundo afirmou Rueda, este sistema conlevará melloras en axilidade e reducirá os tempos de resposta. E engadiu que o investimento, “baseado sobre todo nos dispositivos de novas tecnoloxías e nos aparellos que sexa necesario adquirir”, será de 1.6 millóns de euros.

1095 lecturas