"Refuxios provisionais", exposición de pintura da artista santiaguesa Pilar Quintás, na Casa de Galicia en Madrid

"Refuxios provisionais", a exposición da pintora Pilar Quintás.

Listen to this page using ReadSpeaker

"Refuxios provisionais", a exposición da pintora Pilar Quintás que ocupa este mes de xuño dúas das salas de exposicións da Casa de Galicia en Madrid ofrece unha mostra das paisaxes nas que a artista, segundo ela mesma explica, acha refuxio mentres os crea. Inaugurada onte, está composta por máis de corenta obras que nos asoman distintos lugares e sensacións.

"Pinto dende hai máis de vinte anos con poucas variacións e unha única constante: a obsesión por reproducir os lugares que me emocionan. Durante este tempo só cambiei a miña traxectoria para deixar atrás os tons escuros, as pinturas máis sombrías e volverme cara á cor. A espátula mantívose como protagonista e só ultimamente deixou certo oco ao pincel", explica a artista, para quen o seu "galanteo inicial coa pintura se converteu nunha difícil relación onde alternan sentimentos confusos: a necesidade, a entrega, a calma que producen os encontros frutíferos pero tamén, por curtos períodos, o abandono e o esquecemento, propiciados polos desencontros coa obra. E de novo o idilio que arranca con máis ímpeto tras cada ruptura".

E iso é así, di, "ata tal punto que ás veces a pintura é unha obsesión e os lugares xa non teñen valor por si mesmos senón pola posibilidade de ser plasmados. Xa non son turista despreocupada, só captadora de instantes máxicos, cantos fermosos... xa non podo mirar senón coa idea de reflectilos ao meu xeito nunha táboa e aínda que me gusta suxerir, busco a esencia, a mínima expresión, logo a pintura móstrase como un ente autónomo, escapa ao meu control, decide por min e segue a evolución pola súa conta". "Hai unha certeza que logrei aceptar: son unha marioneta en mans das miñas obras e estas só queren ser unha cousa, paisaxes", engade. Entre esas paisaxes está moi presente o galego, pois Quintás é de Santiago de Compostela.

A pintora estivo acompañada na presentación da exposición, ademais de por numerosos amigos, polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen resaltou de mostra "a presenza da Natureza, da grande e da pequena natureza", e con ela a da cor.

Sede de cor
"Eu vexo a Pilar con sede de cor, que é como dicir sede de vida, e o bebe en cada canto, en cada pétalo de flor, en cada pedriña alfombrada de mofo, en cada madeiro de árbore recostada ao sol. Ela di na reflexión persoal que fai no catálogo que elaboramos para a ocasión, e que é un prodixio de sentimento, que esa luz de cores atrapadas nos seus cadros é o seu refuxio, o lugar onde se sente a salvo da incerteza", reflexionou Jiménez.

A restauradora Esperanza Martínez de Salinas di de Pilar Quintás e a súa obra que nos ensina cantos que pasaramos por alto, fainos parar" e que conta con cor o aire, os reflexos na auga e o frío dunha tarde. Cóntanos o que vió, o que sentiu, o que lle tocou a pel, o eco da paisaxe".


 

1608 lecturas