Preto de 3.000 autónomos e autónomas poderán beneficiarse de dúas liñas de axudas de traballo que suman máis de 20 millóns de euros

En primeiro lugar, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha liña de financiamento de 15,6 millóns de euros para apoiar o establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia.

Doutra banda, o DOG publica tamén hoxe as bases reguladoras do programa das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E), que conta cun orzamento de 4,5 millóns de euros, e ten por obxecto xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre a xuventude e mulleres.

As dúas iniciativas complétanse con outros preto de 4 millóns de euros para incentivar, por primeira vez, a contratación indefinida de ata tres traballadores ou traballadoras, unhas axudas xa publicadas no DOG.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2013.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas liñas de axudas para o colectivo das e dos autónomos, que contarán cun orzamento de 20,1 millóns de euros para o ano 2013 e poderán beneficiar a preto de 3.000 persoas de toda Galicia.

En primeiro lugar, a Consellería de Traballo e Benestar porá a disposición de autónomos e autónomas unha liña de financiamento que contará con preto de 15,6 millóns de euros para actuacións subvencionables entre o 11 de setembro de 2012 e o 30 de setembro de 2013.

Este programa específico de autónomos e autónomas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), inclúe dous tipos de axuda: unha subvención polo establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia co fin de facilitarlles durante o inicio da actividade uns ingresos mínimos; e outra financeira de redución de xuros de préstamos necesarios para a súa constitución como autónoma.

A orde concede axudas a fondo perdido ás e aos desempregados polo feito de constituírse en persoas traballadoras autónomas, que oscilan entre os 5.000 euros, no caso de desempregados e desempregadas en xeral, e os 10.000 euros, no caso de mulleres desempregadas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Ademais, a segunda subvención será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, calculada sobre os oito primeiros anos de vixencia do mesmo.

O prazo xeral para a presentación de solicitudes das distintas axudas será dun mes desde a data da solicitude de alta na Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional, entrando as persoas que, cumprindo cos requisitos e condicións establecidas na convocatoria de axudas, formalicen a dita alta entre o 11 de setembro de 2012 e o 30 de setembro de 2013, ambas datas inclusive.

Iniciativas emprendedoras e de emprego
Doutra banda, o DOG publica tamén hoxe as bases reguladoras do programa das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E), cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE). Este orde, que conta cun orzamento de 4,5 millóns de euros, ten por obxecto xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre a xuventude e mulleres, apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais en Galicia, con especial atención aos concellos do rural galego.

A iniciativa inclúe cinco tipos diferentes de axudas. En primeiro lugar, a subvención de entre 4.000 e 6.000 euros á xeración de emprego estable de carácter indefinido para persoas desempregadas. As axudas de 4.000 euros serán para persoas desempregadas en xeral e poderán chegar ata os 6.000 no caso de persoas desempregadas que esgotasen a prestación, de longa duración, emigrantes retornadas, pertencentes a colectivos en risco de exclusión social ou con discapacidade.

Así mesmo, inclúe unha subvención financeira mediante a redución de xuros de préstamos para financiar os investimentos en inmobilizado ou material intanxible que sexan necesarios para a creación e posta en marcha da empresa; para asistencia técnica na toma de decisións mediante cursos de formación ou realización externa de estudos e informes sobre a actividade; subvención para o inicio de actividade de ata 4.800 euros; e para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar de ata 3.000 euros.

Estas ordes teñen por obxectivo paliar os efectos da crise nas persoas traballadoras autónomas dinamizando o mercado de traballo e perseguindo unha mellora da calidade do emprego e das relacións laborais en Galicia, unha finalidade que constitúe tamén unha das prioridades da política de emprego da Consellería de Traballo e Benestar.

Contratación de ata o terceiro traballador ou traballadora
Estas dúas liñas de axudas, que saen hoxe publicadas no DOG, complétanse con outros preto de 4 millóns de euros para favorecer a creación de novos empregos estables e a inserción laboral de persoas en desemprego. A convocatoria desta subvención xa saíu publicada no DOG o pasado mes de xuño. Este ano, a través destas axudas, incentívase por primeira vez a contratación indefinida de ata tres traballadores ou traballadoras nos tres primeiros anos de actividade das persoas autónomas ou profesionais en xeral, fronte á anterior convocatoria que só financiaba a contratación da ou do primeiro empregado durante o primeiro ano de contratación.

Deste xeito, é subvencionable a primeira, segunda e terceira contratación indefinida inicial cando na data na que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non houbera unha, dous ou tres persoas traballadoras contratadas, respectivamente, cunha relación laboral indefinida, nin se tivera contratado con carácter indefinido, con anterioridade, a outra persoa traballadora (ou dúas persoas no caso da contratación do segundo e terceiro traballador) agás que este contrato indefinido se extinguise por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.

Estas axudas enmárcanse dentro da liña de traballo de apoio a persoas emprendedoras e autónomos e autónomas que está a desenvolver a Consellería de Traballo e Benestar, que este ano contan cun orzamento de máis de 24 millóns de euros.

1012 lecturas