Os mozos e mozas da diáspora e da Galicia territorial que comparten traballo no castro de Portomarín recibiron hoxe a visita dos responsables de Emigración e Xuventude da Xunta, e de Emprego e Demografía da Deputación

Na visita ao xacemento arqueolóxico estiveron tamén presentes o delegado en funcións da Xunta en Lugo e o alcalde da localidade luguesa.

A segunda modalidade do programa ‘Conecta con Galicia’ -que en xullo xa trouxo a outros 154 mozos e mozas da Galicia do Exterior- fai posible esta convivencia entre a mocidade nada nunha e noutra beira do Atlántico.

  • Imaxe desta mañá no campo de traballo do castro de Castromaior (Portomarín - Lugo)
    Imaxe desta mañá no campo de traballo do castro de Castromaior (Portomarín - Lugo)
  • Imaxe desta mañá no campo de traballo do castro de Castromaior (Portomarín - Lugo)
    Imaxe desta mañá no campo de traballo do castro de Castromaior (Portomarín - Lugo)
  • Imaxe desta mañá no campo de traballo do castro de Castromaior (Portomarín - Lugo)
    Imaxe desta mañá no campo de traballo do castro de Castromaior (Portomarín - Lugo)
  • Imaxe desta mañá no campo de traballo do castro de Castromaior (Portomarín - Lugo)
    Imaxe desta mañá no campo de traballo do castro de Castromaior (Portomarín - Lugo)
Listen to this page using ReadSpeaker
Portomarín / Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e mailo vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo e delegado de Área de Emprego e Demografía, José Antonio García López, visitaron esta mañá o campo de traballo de Portomarín, onde comparten labores 20 rapazas e rapaces galegos residentes fóra da Comunidade Autónoma, con outras e outros seis que teñen fixada aquí a súa vivenda habitual, tres monitores, o director do campo, e unha arqueóloga.

Canda o vicepresidente, o secretario xeral e a directora xeral, realizaron a visita José Manuel Rozas, xefe territorial de Vicepresidencia, e delegado en funcións da Xunta en Lugo, e mailo alcalde de Portomarín, Juan Serrano.

A presenza das e dos galegos de fóra da Comunidade é posible grazas á segunda modalidade do programa Conecta con Galicia da Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, e a finalidade da iniciativa é que este colectivo teña oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega.

A procedencia dos rapaces e rapazas do campo de traballo de Portomarín que veñen de fóra da Galicia territorial, e que hoxe recibían a visita destas autoridades durante o desenvolvemento do seu labor, é a seguinte: oito de Arxentina, seis de Uruguai, dous de Venezuela, dous de Brasil, e dous de Cuba.

De 20 e 30 anos
Concretamente, as prazas dos campos de traballo destínanse a participantes con idade comprendidas entre os 20 e 30 anos. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico.

Concretamente, os labores de traballo de campo para esa recuperación realízanos na posta en valor do castro de Portomarín, en Lugo. Mais polas tardes desenvolven un amplo abano de actividades visitando lugares emblemáticos de toda Galicia, como as termas da Chavasqueira en Ourense, o casco vello de Santiago, a vila tradicional de Combarro en Pontevedra, a muralla romana de Lugo, ou as paisaxes únicas da Ribeira Sacra, entre outras.

Asemade, realizan actividades complementarias para facilitar a interrelación entre eles e para coa contorna, tales como bogadas e outras actividades náuticas e deportivas en xeral, actividades de animación, charlas formativas, visitas a lugares e museos de interese antropolóxico, ou mesmo preparación compartida de menús gastronómicos orixinais dos países nos que residen.

Cómpre salientar ademais que precisamente as e os rapaces procedentes da diáspora levan a cabo visitas teatralizadas ao castro, mediante as cales fomentan o coñecemento deste importante vestixio arqueolóxico entre os milleiros de peregrinos e peregrinas que percorren o Camiño Francés e que fan parada en Portomarín.

154 en xullo
Previamente, e durante dúas quendas no mes de xullo, outros 154 rapaces e rapazas galegos residentes fóra de Galicia desenvolveron a primeira das modalidades do ‘Conecta con Galicia’: distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos, compartiron con mozos e mozas residentes en Galicia residencias e albergues xuvenís dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar. Nestas instalacións realizaron dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, as e os participantes aloxáronse nas residencias xuvenís Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participaron en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorreron o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvolveuse baixo o paraugas do epígrafe “O mar de Galicia” no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizaron actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.

Así, ‘Conecta con Galicia’ permite que, neste ano, 174 descendentes de cidadás e cidadáns galegos poidan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humanacoas e cos seus coetáneos desta parte do océano, pois a estadía realízase sempre conxuntamente con rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial.

O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra das e dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

2’4 millóns
Estas modalidades forman parte da Campaña de verán da Consellería de Traballo e Benestar, que no seu conxunto oferta este ano un total de 8.530 prazas, un 3,2 por cento máis que en 2014. As actividades, que se prolongarán ao longo do verán, favorecerán tamén a contratación de máis de 900 homes e mulleres en calidade de persoal monitor e director de campamentos, que son na súa maioría xente nova.

A Xunta inviste 2,4 millóns de euros en desenvolver esta campaña, que inclúe: campamentos para menores de entre 9 e 17 anos, oferta concertada, campos de traballo para maiores de idade, e actividades para maiores de 18 anos.

982 lecturas