Os galegos e as galegas da diáspora escollen aos seus e ás súas representantes para os vindeiros tres anos

Remata o X Consello de Comunidades Galegas cunha ofrenda ao Apóstolo e unha recepción oficial no Concello de Santiago.

A nova Lei de Galeguidade, a internacionalización como estratexia para a empresa galega, e as perspectivas de futuro no ámbito socio asistencial foron os asuntos fundamentais da cita.

A Comisión Delegada electa manterá o seu mandado nos vindeiros tres anos, ata a celebración da undécima gran xuntanza da diáspora.

Listen to this page using ReadSpeaker

X Pleno do Consello de Comunidades GalegasOs e as cento cincuenta representantes de casas e centros galegos con recoñecemento de galeguidade de todo o mundo escollen este venres ás e aos compoñentes da nova Comisión Delegada, máximo órgano de representación da diáspora, coincidindo co remate do X Consello das Comunidades Galegas que se celebra en Compostela.

O nomeamento e constitución oficial da Comisión terá lugar inmediatamente antes da clausura do Consello, que correrá a cargo do secretario xeral da Emigración, Santiago Camba. Así, a Comisión entrante poderá comezar a súa andaina como máximo órgano das e dos emigrantes galegos entre Consellos, que se celebran cada tres anos.

Para a circunscrición de centros galegos en América presentáronse sete candidatos e candidatas (de Arxentina, Brasil, Cuba, Estados Unidos, Venezuela, e dous de Uruguai), para a de centros en Europa oito (de Andorra, Bélxica, Holanda, Portugal, Reino Unido, Suíza, e dous de Alemaña), e para a circunscrición de centros galegos no resto de España nove (de Cantabria, Castela León, Murcia, País Vasco, Comunidade Valenciana, dous de Andalucía, e outros dous de Cataluña). Cadansúa circunscrición ha escoller catro representantes na Comisión.

Visita a Santiago
Esta segunda e derradeira xornada do X Consello -que fora inugurada onte xoves polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo- comezou ás nove da mañá con novos debates en comisión sobre os tres eixos en torno aos que versa este xuntanza, o desenvolvemento normativo da galeguidade, a Galicia Exterior no século XXI, e as políticas socio asistenciais na diáspora. Ao tempo, abríanse as mesas de votación para a elección da Comisión devandita.

Na mañá houbo tempo tamén para a redacción de conclusións de cadanseu grupo de traballo, que serán agora publicadas para a súa consulta por tódolos centros e cidadáns e cidadás que o desexen na web http://emigracion.xunta.es.

Unha vez concluída a reunión plenaria na que se sometan a ratificación as conclusións das comisións, e se escolla a nova Comisión Delegada, está prevista a clausura oficial, e despois as e os cento cincuenta integrantes deste X Consello realizan unha ofrenda ao Apóstolo, na que pedirán a Santiago que vele polos destinos dos cidadáns da Galicia territorial, pero tamén polos da diáspora. Asemade, a expedición será obxecto dunha recepción oficial polo alcalde da capital de Galicia, Ángel Currás, na Casa do Concello, ás nove da tarde.

Puntos principais
O debate sobre o actual concepto de galeguidade nace da intención do Goberno de promover un novo texto lexislativo que substitúa á Lei de Galeguidade, do ano 1983. A propia diáspora ten solicitado unha revisión do mesmo, incidindo en que se reflictan aspectos novos, como dar voz ás xeracións de mozas e mozos –algúns xa nados no estranxeiro- e a entidades que non tiñan este recoñecemento.

Como cuestión clave de fondo, tense debatido neste X Consello sobre a fusión de centros. Moitos deles esmorecen, polo seu tamaño ou dispersión, ou pola falta de relevo xeracional. A Xunta quere, na medida en que as propias entidades o demanden, axudar no proceso de preservación e mellora do seu legado material e inmaterial, razón pola que ve con bos ollos a colaboración estreita entre aquelas que pasan máis dificultades para a súa continuidade. Neste aspecto, e sen embargo, cómpre lembrar que os centros galegos da diáspora son entidades privadas, non pertencen á Administración.

Outro asunto de crecente importancia no debate da diáspora, e de sumo interese para o Executivo galego, é a internacionalización de mercados como saída comercial para as empresas da terra, e a posible colaboración dos centros e casas de Galicia nese labor. O papel do empresariado galego no Exterior foi, e esperamos que sexa no futuro, fundamental para o desenvolvemento económico dos países onde se afincaron, pero tamén da Galicia territorial. No pasado supuxeron unha importante achega de recursos, e arestora poden converterse nunha ponte de comunicación estratéxica entre as e os investidores do Exterior e os emprendedores galegos e galegas.

Axuda aos máis desfavorecidos
Por último, pero non menos importante, o aspecto socio asistencial rexurde como un dos puntos de atención fundamental nas preocupacións compartidas entre as Comunidades Galegas e a Xunta. Consciente da situación de extrema precariedade de moitas e moitos galegos emigrados hai anos, especialmente nalgúns países de Latinoamérica, o Goberno galego compromete o seu apoio a este colectivo, malia a redución de recursos e á difícil situación económica actual. Manteranse ou incrementaranse –na medida da dispoñibilidade orzamentaria de cada momento- os programas e axudas de asistencia social e sanitaria básica para os galegos en situación de maior precariedade, residan onde residan.

Mostras
O X Consello de Comunidades Galegas celébrase no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago, onde as e os participantes e visitantes poden ademais achegarse a tres mostras que versan sobre o pasado e futuro dos procesos migratorios en Galicia, ou poñen de relevo a beleza da Galicia territorial.

A primeira delas, Nós tamén fomos emigrantes, son imaxes obtidas da Fototeca da Axencia Efe, que tenta reconstruír os movementos migratorios trala Guerra Civil española. Reflicte moitas historias de emigrantes, e invitan a unha fonda reflexión sobre a sociedade de entón e a de agora.

A segunda, Luces de alén mar: as escolas de americanos en Galicia, cedida polo Consello da Cultura Galega, fálanos dun dos fenómenos máis significativos da fonda pegada da Emigración en Galicia, axudándonos a entender a situación do ensino en Galicia a finais do século XIX e comezos do XX.

A terceira, Galicia, cen lugares para volver a mirada, fai un percorrido por algúns dos puntos máis senlleiros da xeografía galega. A mostra, que forma parte dun proxecto editorial de Teófilo Edicións, amosa panorámicas espectaculares desta terra, e ten realizado un periplo por varios centros galegos da diáspora en Latinoamérica, onde foi vista por ducias de milleiros de visitantes.
 

645 lecturas