Os dous novos convenios de colaboración asinados por Miranda en Uruguai “plasman que tamén na Galicia exterior a prioridade da Xunta é o investimento social”

O secretario xeral da Emigración, que acompañou á presidenta do Parlamento autonómico na súa visita a esta república sudamericana, participou na inauguración da mostra ’53 páxinas das nosas letras’ en Montevideo.

Rodríguez Miranda remata a súa viaxe por Arxentina, Brasil e Uruguai, no que coñeceu a actualidade da diáspora nos tres países, e coñeceu a contorna na que residen as galegas e galegos de avanzada idade atendidos por institucións sociosanitarias fundadas pola propia Emigración.

  • A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, inaugurou no Tetaro Solís da capital uruguaia a mostra ’53 páxinas das nosas letras’
    A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, inaugurou no Tetaro Solís da capital uruguaia a mostra ’53 páxinas das nosas letras’
  • Imaxe da sinatura do convenio de colaboración coa Asociación Española Primera de Socorros Mutuos de Montevideo
    Imaxe da sinatura do convenio de colaboración coa Asociación Española Primera de Socorros Mutuos de Montevideo
Listen to this page using ReadSpeaker
12 de maio de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, finalizou a súa viaxe por Arxentina, Brasil e Uruguai coa sinatura, neste último país, de dous novos convenios para desenvolvemento de programas de atención socio sanitaria destinados ás persoas de orixe galega e os seus e as súas descendentes. Estes dous convenios son nova proba da aposta social dos orzamentos da Xunta tamén na Galicia do Exterior, aspecto que Miranda ten salientado nesta viaxe: “Galicia non esquece, nin o fará xamais, aos seus fillos e fillas na diáspora, que tanto teñen feito e seguen a facer polo desenvolvemento da nosa terra”, asegurou o secretario xeral.

Na República Oriental do Uruguai, reside unha gran colectividade de persoas de orixe galega e as e os seus descendentes, que posúe unha importante presenza social e cultural na vida da capital e do resto do país. Segundo os datos do INE a 1 de xaneiro de 2015, 40.505 galegas e galegos residen arestora no país.

Nalgúns casos, aquelas e aqueles con menores posibilidades económicas ou situacións familiares ou persoais complexas, están a sufrir unha falta real e operativa de mecanismos integrais de cobertura social e sanitaria. Son estas as persoas destinatarias dos convenios asinados por Miranda, en representación da Xunta, coas dúas entidades con sede en Montevideo.

Casa de Galicia
O primeiro dos convenios, dotado con 35.000 euros, asinouno coa Casa de Galicia de Montevideo, entidade fundada en 1917 para “instrución, recreo, beneficencia, sanidade e protección ao traballo”. Xestiona un importante sanatorio policlínico central e outros catro policlínicos zonais, que dispoñen de diversos laboratorios e instalacións clínicas especializadas.

Este hospital presta, de xeito excepcional, cobertura sanitaria gratuíta a persoas galegas e descendentes, sempre que se atopen en situación de carencia e non poidan afrontar o pago das correspondentes cotas sociais, gastos de asistencia sanitaria e adquisición de medicamentos a prezo de mercado. Por todo isto, a Xunta colabora coa entidade mediante tres programas recollidos no convenio: un primeiro de asistencia a persoas acollidas en centros e residencias de anciáns mediante condonación e bonificación de cotas sociais de mutualistas que se atopen en situación de carencia; un segundo de asistencia sanitaria para galegas e galegos non integrados na mutualidade; e un terceiro de atención de carácter extraordinario.

‘Primera de Socorros Mútuos’
O segundo –dotado con 20.000 euros- dos convenios asinados por Miranda no Uruguai é coa Asociación Española Primera de Socorros Mutuos, que conta arestora cun hospital de máis de 26.000 metros cadrados, con arredor de medio millar de camas, así como catro sedes secundarias, cinco policlínicas e catro unidades de internamento extramuros, nos que presta asistencia sanitaria a unha importante porcentaxe da poboación da capital uruguaia e, en especial, á colonia galega residente nese país.

Mediante a sinatura do acordo coa Xunta, a Asociación Española Primera de Socorros Mutuos de Montevideo comprométese a condonar -total ou parcialmente- as cotas sociais que dan dereito á asistencia sanitaria na súa área, aos seus asociados e asociadas de orixe galega e as e aos seus descendentes, que se atopan en situación de carencia, tendo en conta criterios como a situación económica, idade ou antigüidade como socios. Tamén contempla, para estas persoas, un programa de condonación de copagamento de medicamentos.

A redución da cota poderá acadar unha porcentaxe do 100, 50 ou 25%, ou o complemento para poder ter cobertura de medicamentos, dependendo da situación económica e persoal da persoa beneficiaria e segundo o previsto no regulamento de concesión da entidade de beneficencia, e sempre en consonancia cos baremos e cláusulas estipuladas no convenio.

Con Pilar Rojo
Na visita a estes dous centros da Galeguidade en Uruguai, Miranda estivo acompañado pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, e o embaixador de España no país, Roberto Varela. Precisamente, e ademais da sinatura dos acordos, o secretario xeral da Emigración puido compartir coa presidenta a súa axenda institucional en Montevideo.

Así, as tres autoridades estiveron presentes na inauguración da mostra ’53 páxinas das nosas letras’ no Teatro Solís de Montevideo, auspiciada polo propio Parlamento autonómico, e integrada polas medallas das letras, obra do escultor e medallista Manuel Ferreiro Badía, de prestixio internacional, e o recoñecido debuxante e caricaturista Siro López. Estas medallas forman parte da colección de arte do Parlamento de Galicia. Trátase de altorrelevos que reproducen o rostro dos escritores e escritoras aos que se dedicou o Día das Letras Galegas, instaurado pola Real Academia Galega en 1963. A exposición percorreu xa boa parte da xeografía galega, ademais de estar en Madrid, Barcelona, Bruxelas e Bos Aires, onde se clausurou a pasada semana.

Xa para rematar a xornada, e a viaxe de Miranda, o embaixador de España en Uruguai presidiu a recepción con motivo da visita oficial da presidenta do Parlamento autonómico ao país, recepción na que estaban convidados as e os representantes das institucións e entidades galegas con sede no Uruguai, e á que tamén asistiu Rodríguez Miranda.

815 lecturas