O traballo de colaboración asistencial e social entre as comunidades galegas en Venezuela e a Xunta de Galicia permite paliar as situacións de precariedade entre os 46.900 galegos e galegas residentes

A Secretaría Xeral da Emigración destina 600.000 euros en diversos programas asistenciais e socioculturais nese país, cos que complementa o labor da decena de entidades galegas presentes en Venezuela en favor de toda a colectividade galega, a máis relevante das cales é a ‘Hermandad Gallega’. 

O titular do departamento, Antonio Rodríguez Miranda, lembrou a intensa atención do Goberno galego cara a situación en Venezuela, da que son proba a súa recente visita ao país.

Mercé a esa colaboración entre a Xunta e as entidades, axúdase a familias en situación de precariedade, a dependentes e enfermas e enfermos graves ou permanentes, á adquisición de medicamentos e a tratamentos de enfermidades crónicas ou graves, a galegas que sofren violencia de xénero, ou a paliar situacións de exclusión social por desemprego. 

Este labor social resulta de especial importancia en Venezuela, pola situación que atravesa o país, e a Xunta considera que é a maneira máis eficaz de estar preto das e dos paisanos que viven alí. 

 

Miranda na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia
Miranda na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2015.

A Secretaría Xeral da Emigración, a través de distintas liñas e ordes públicas de subvencións, recoñece e apoia o labor asistencial e sociocultural que desenvolveron e desenvolven a decena de comunidades galegas presentes en Venezuela. Un labor, redobrado pola complicada situación que está a atravesar o país, que se fai máis necesario que nunca, e que realizan desde hai décadas de maneira altruísta.

Na intervención do pasado xoves en comisión parlamentaria, o secretario xeral da Emigración, Antonio  Rodríguez Miranda, recordou que, aparte dos acordos para apoiar directamente ese traballo no ámbito dos servizos sociais, Emigración apoia o desenvolvemento de accións que consolidan o papel desas comunidades como eixo catalizador de toda a Galeguidade no país. Así, e precisamente polo delicado do momento en Venezuela, as súas funcións e carteira de servizos alcanzan non só ás asociadas e asociados directos, senón a toda a colectividade galega presente na República Bolivariana.

Miranda comezou enviando “un agarimoso saúdo a toda a colectividade galega en Venzuela que, como o resto dos seus veciños e veciñas, atravesan momentos de incerteza e dificultades”, momentos aos que o Goberno galego prestou e presta especial atención. De feito, o máximo responsable de Emigración lembrou que o mes pasado estivo in situ coñecendo a situación das e dos galegos alí, e a próxima semana volverá de novo a Caracas.

A Hermandad
No caso da capital, asemade, a ‘Hermandad Gallega de Venezuela’ en Caracas desenvolve tarefas de apoio para facilitar os requisitos administrativos ás persoas beneficiarias dos programas sociais de Emigración: ademais das axudas individuais, as de emerxencia social, e tamén os programas Conecta con Galicia, Reencontros na Casa, Reencontros na Terra, Escolas Abertas, Campamentos de Verán, obradoiros e seminarios, etc., que fan posible que moitos dos 46.000 galegos e galegas residentes en Venezuela vexan mellorada unha calidade de vida en ocasións precaria, e fortalezan a súa relación coa Galicia territorial.

Estas tarefas desenvólveas a Hermandad non só para os seus asociados e asociadas, senón tamén noutras poboacións, da man das outras comunidades galegas presentes no país, con beneficio para calquera cidadá ou cidadán galego que, sen pertencer formalmente ás comunidades galegas, poda acollerse a estes programas, mercé ao carácter de centro colaborador que a Xunta lle ten concedido.

Así, de maneira complementaria, a Hermandad está a desenvolver labores de pescuda de galegas e galegos en situación de precariedade, tanto na capital coma noutras poboacións, tarefa que resultaría inviable sen a súa activa colaboración, e a decidida implicación das traballadoras e traballadores, e membros en xeral, da entidade, que a Xunta recoñece e valora.

O departamento que dirixe Rodríguez Miranda ten investido ao longo de 2014 –último exercicio orzamentario executado, sendo similar a previsión para 2015- en accións en Venezuela un total de 600.000 euros, entre axudas individuais, acordos para atención sociosanitaria con entidades que traballan neste eido, e diversos programas da Secretaría.

Desta maneira, ademais de axudar no coidado aos maiores galegos e galegas residentes en Venezuela, e froito da colaboración e o intenso labor das comunidades galegas a pé de campo, Emigración pode axudar ás galegas e galegos residentes en Venezuela con unidade familiar en situación de precariedade; con situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; con invalidez ou enfermidade permanente; sen cobertura abondo de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves; a mulleres que sofren violencia de xénero; e as situacións de risco de exclusión social por desemprego na unidade económica familiar; entre outras casuísticas amparadas polos programas e liñas de axuda da Secretaría Xeral das que se benefician as galegas e galegos do Exterior en situación de precariedade.

Fin social
Fronte a quen considera, de maneira mal informada, a Hermandad coma un club de elite, Miranda lembrou o seu importante investimento social na mellora das condicións das e dos máis necesitados e o ímprobo traballo a pé de rúa cos galegos e galegas en situación máis precaria, labor que ven desenvolvendo historicamente e que a configura como unha comunidade de marcado carácter altruísta.

Mercé ao traballo da Hermandad e o resto das comunidades galegas presentes en Venezuela, as e os galegos residentes na República Bolivariana posúen un instrumento de socorro para as situacións de maior necesidade, que a Xunta de Galicia recoñece, agradece, valora, e apoia na medida das súas posibilidades.

1223 lecturas