O presidente da Xunta participou na gala de entrega dos Títulos de Excelencia Galega outorgados pola Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña

Feijóo pon en valor que os seus predecesores contribuísen a forxar un autogoberno en Galicia baseado en mellorar os vínculos do noso país co seu contorno

Respecto ás persoas galardoadas co título de Excelencia Galega, fixo fincapé en que son membros dunha sociedade que logrou a revolución máis importante que se produciu en Galicia nos últimos anos, consistente en que os galegos se consideren a si mesmos como un pobo gañador, capaz de todo

Afirma que “cando España imita a diversidade catalá de hai unhas décadas non parece congruente que unha parte da política catalá intente parecerse á España pétrea e illada que quedou atrás”

O presidente da Xunta participou na gala de entrega dos Títulos de Excelencia Galega outorgados pola Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña
O presidente da Xunta participou na gala de entrega dos Títulos de Excelencia Galega outorgados pola Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña
Listen to this page using ReadSpeaker
8 de xullo de 2017.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor hoxe que todos os presidentes que o precederon se visen a si mesmos como elos dun proceso de recuperación social, económica e cultural. “Todos contribuíron a forxar un autogoberno baseado en mellorar os vínculos do noso país co seu contorno. Cada un fíxoo desde as súas conviccións ideolóxicas, pero sen rachar esa harmonía social que fai forte a un pobo”.

Así se expresaba o titular do Goberno galego na gala de entrega dos Títulos de Excelencia Galega outorgados pola Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña (AEGA-CAT). Alí, lembrou que Galicia é cofundadora e copropietaria do Estado que algúns queren romper e que foi froito da Constitución de 1978, en cuxo proceso de fundación participaron todos os pobos de España. Contra eles vai, asegurou, o proxecto independentista catalán tal e como se está formulando.

Neste senso, Feijóo engadiu que ás veces escóitanse referencias ao Estado ou a España, equiparándoos a Madrid, cando nin España nin o Estado son Madrid, senón unha sinfonía de pobos que deciden qué partitura interpretar.

“O Estado é plural e autonómico, ata o punto de que o representante ordinario en cada comunidade é o presidente da mesma”, sinalou, engadindo que “a España fundada en 1978 non se reclama como algo homoxéneo, senón diverso”.

Con respecto a isto, asegurou que Cataluña posúe unha diversidade que non pode ser reducida nun proxecto independentista, nin tampouco servir de coartada para menoscabar a democracia catalá ou as regras parlamentarias. “Cando España imita a diversidade catalá de hai unhas décadas non parece congruente que unha parte da política catalá intente parecerse á España pétrea e illada que quedou atrás”, destacou.

Para o presidente da Xunta, algo que se repite nos procesos que parten de negar as identidades plurais é que rachan coa cohesión social. De feito, considera que o independentismo ten como froito “unha sociedade dividida, unha perda do espazo moderado, un liderado dos máis radicais, unha distorsión das normas democráticas e, sobre todo, o esquecemento dos obxectivos máis importantes da acción política”.

 

Os galardoados co título de Excelencia Galega

Con respecto ás persoas galardoadas co título de Excelencia Galega que outorga a AEGA-CAT, Feijóo fixo fincapé en que son membros dunha sociedade que logrou a revolución máis importante que se produciu en Galicia nos últimos anos, consistente en que os galegos se consideren a si mesmos como un pobo gañador, capaz de todo.

Con respecto a isto, o presidente da Xunta puxo en valor as contribucións ao desenvolvemento de nanoestruturas da investigadora Maria José Alonso Fernández; o traballo do actor e cantante Nancho Novo; o estilo televisivo respectuoso da presentadora Paula Vázquez; o gran proxecto empresarial de Ventura González Prieto co grupo Vegalsa-Eroski; o talento do director de teatro e produtor de cine, Carlos Vasallo Tomé; e a responsabilidade social da Fundación Nortempo, fundada por Bartolomé Pidal Diéguez.

 

488 lecturas