O Goberno da Xunta apoia e apoiou, desde o primeiro momento, ás e aos retornados que non están percibindo a súa pensión de Venezuela

Política Social adaptou a convocatoria de axudas de maneira que este colectivo puidese acollerse ás axudas de emerxencia social.

O secretario xeral da Emigración tamén lembrou no Parlamento que o investimento en axudas extraordinarias a retornados e retornadas desde Venezuela foi case triplicado no último exercicio orzamentario.

  • Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, durante a súa comparecencia esta mañá na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia
    Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, durante a súa comparecencia esta mañá na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia
  • Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, durante a súa comparecencia esta mañá na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia
    Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, durante a súa comparecencia esta mañá na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, respondeu esta mañá na Comisión 1ª Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia a unha iniciativa parlamentaria sobre a situación dos galegos e galegas con dereito a pensión de Venezuela, que levan varios meses sen cobrala por falta de pagamento daquel país.

“Xa antes de que xurdiran estes casos de falta de pagamento, o Goberno galego mantiña permanente contacto coas asociacións de emigrantes retornados de Venezuela en Galicia, interesándonos de maneira constante pola situación que atravesaban e atravesan, realizando un seguimento continuo de todo o que tiña que ver co seu retorno á terra”, asegurou Miranda, quen tamén lembrou a continua relación entre a Secretaría Xeral da Emigración e as entidades galegas no país. “Eu mesmo teño viaxado máis dunha decena de veces nos últimos catro anos”, recordou o alto cargo.

Froito dese seguimento, o Goberno galego decidiu “atender as peticións de axuda dos beneficiarios con accións concretas encamiñadas a paliar a situación na que se atopaban e atopan”. O departamento que dirixe Rodríguez Miranda incrementou o esforzo orzamentario destinado ás axudas extraordinarias para o retorno, a emigrantes que volveron desde Venezuela.

Atención permanente
“Segundo poden deducir destas cifras” -relatou Miranda-, “en 2015 o número de beneficiarios, retornados galegos procedentes de Venezuela, é mais da metade dos solicitantes totais, e no 2016 supoñen xa tres cuartas partes dos solicitantes. O incremento económico entre o 2015 e o 2016 no investimento destinado a estes retornados é máis do triplo”.

Ademais, e nesta mesma liña, a Consellería de Política Social mudou o sistema de concesión de axudas de emerxencia social, introducindo a consideración dos ingresos efectivos e percibidos, e non os recoñecidos. Desta maneira, estanse a cubrir as necesidades básicas do colectivo de persoas afectadas, permitindo o acceso das e dos seus integrantes a elementos primarios de alimentación, vestido e enxoval doméstico, cunha atención individualizada dos casos atendidos.

Tamén recordou Miranda os contactos permanentes do seu departamento coa Embaixada española en Venezuela e a súa consellería laboral, como órganos de interlocución ante o Goberno venezolano; coa Secretaría Xeral de Emigración e Inmigración do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, órgano homólogo na Administración Central; e a Dirección Xeral de Inclusión Social deu traslado ao IMSERSO, o seu homólogo en Madrid, da situación especial do colectivo; entre outros organismos de diversas administracións. Tamén se puxo o asunto en coñecemento do Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior precisamente por parte da representación do Goberno galego.