O Goberno galego manterá as bolsas de estudos para estudantes da diáspora

A Secretaría Xeral da Emigración pasa a asumir o financiamento do programa, ata o de agora compartido con outros departamentos autonómicos.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Consello da Xunta acordou autorizar a adquisición de compromisos de gasto plurianual, por parte da Secretaría Xeral da Emigración, para facer fronte ao programa de bolsas destinadas aos cidadáns galegos no exterior, coa fin de que realicen estudios universitarios oficiais, intercambios universitarios, e estudos de Formación Profesional durante o curso académico 2011-2012. O acordo contempla como novidade que a Secretaría Xeral da Emigración asume o orzamento do programa, ata o de agora compartido con outros departamentos autonómicos.

Cada beneficiario ou benefciiaria, cando estea matriculado nalgunha das tres universidades galegas, ou nalgún centro de Formación Profesional da Comunidade Autónoma, recibirá unha axuda anual de seis mil euros, cos que deberá afrontar tódolos seus gastos persoais de aloxamento e manutención, ademais dos de matrícula e gastos en material académico. Só durante o primeiro ano de matrícula en Galicia percibirá un complemento –un pago único doutros mil euros- para a viaxe de inicio de curso.

No caso de que a persoa beneficiaria curse estudos por sistema de intercambio (é dicir, que o título se expida finalmente pola universidade de fóra de Galicia), a contía rebáixase ata catro mil euros se os estudos a cursar son unicamente para un cuatrimestre, se ben o destinatario pode igualmente gozar da axuda inicial de mil euros para viaxe.

As bases da convocatoria estipulan que un 30 por cento da contía anual da axuda embárgase ata final de curso, de maneira que só se percibe no caso de que se teña aprobado, por parte do beneficiario, polo menos a metade dos créditos nos que se matriculou. Igualmente, para a renovación de axuda no cursos subseguintes, deberá ter superado polo menos o 70 por cento deses créditos.

Ata o de agora, cada curso, arredor dunha trintena de mozos e mozas, na súa inmensa maioría fillos e fillas ou netos e netas de emigrantes galegos e galegas na diáspora, se teñen beneficiado deste programa. A intención do Goberno galego é manter e, na medidas das posibilidades presentes e futuras, fornecer esta iniciativa, polo que significa de reforzo das ligazóns entre a Galicia territorial e a do exterior, neste caso a través do intercambio de saberes e coñecementos.

1433 lecturas