O galego é a primeira lingua cooficial con dicionario de normas e definicións xurídicas

A obra, na que participaron máis dun cento de xuristas, está coeditada por Edicións Xerais e a Xunta de Galicia.

Listen to this page using ReadSpeaker
4 de xullo de 2012.

Dicionario Xurídico Galego. Imaxe: Edicións Xerais.O maxistrado do Tribunal Supremo, Luciano Varela, e o presidente da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra, Xosé Xoán Barreiro Prado, son os coautores do primeiro Dicionario Xurídico Galego, único entre as linguas cooficiais do Estado. A obra, na que participaron máis dun cento de xuristas, foi editada por Edicións Xerais e impulsada pola Revista Xurídica Galega e contou coa coordinación do profesor e director do Centro de Investigacións Ramón Piñeiro, Manuel González González que se ocupou de dirixir un grupo de filólogos encargados da redacción e corrección lingüística.

Varela e Barreiro pertencen, ademais, á Asociación Irmandade Xurídica que dende hai tempo traballa para dotar dun corpus documental e informativo xurídico para que o proceso de normalización lingüística no dereito. O dicionario, de 1.800 páxinas, recolle a terminoloxía do dereito público e privado internacional.

Xosé González Martínez, presidente da Fundación Lois Peña, secretario da Irmandade Xurídica Galega e Medalla Castelao, afirma que este dicionario "é un instrumento fundamental e de grande utilidade porque nel se recollen dun xeito sistemático as normas xurídicas e as súas institucións para facilitarlle aos usuarios do dereito un medio rigoroso e abundante en definicións".

González considera que a obra "é unha ferramenta imprescindible para os profesionais do dereito" e destaca que nela participaron "moitos xuristas", expertos en cada unha das ramas do dereito, que garanten o "rigor na súa elaboración". Este dicionario, como toda obra xurídica, precisará dunha revisión que probablemente se fará en formato dixital; unha actualización marcada por futuras modificacións lexislativas para que non quede obsoleto co paso do tempo.

González Martínez considera que a obra debe completarse no futuro dende dúas perspectivas. A primeira consistiría na incorporación dun dicionario onomástico "que recolla a pléiade de xuristas de obrigado recoñecemento" dende o século XVIII ata hoxe. E a segunda sería un dicionario terminolóxico "que estandarice un léxico xurídico-administrativo para mellor corrección e estilo na escritura procesual". Estamos a falar dunha obra orixinal, e aquelas comunidades autónomas que non a teñen poderán, ou ben a traducir aos seus idiomas, ou a tomar como referencia para algo moi semellante", incide Xosé González.

Os coautores do dicionario recibiron xa o premio da Fundación Lois Peña Novo, que valorou a obra polo que supón para o proceso formativo dos novos e as novas profesionais nas facultades de Dereito e Escolas de Prácticas Xurídicas, ademais de ser unha obra de consulta obrigatoria nos despachos de avogados e avogadas e asesorías xurídicas.

 

Fonte: El País | Foto: Edicións Xerais

1114 lecturas