O Centro Gallego de Tenerife festexou o seu 50 Aniversario cun acto institucional

Asistiron, entre outras autoridades, o presidente do Goberno canario, o alcalde da cidade e representación do Cabildo Insular.

  • Paulino Rivero, presidente do Goberno de Canarias, durante a súa intervención no acto do 50 Aniversario da entidade galega.
    Paulino Rivero, presidente do Goberno de Canarias, durante a súa intervención no acto do 50 Aniversario da entidade galega.
  • Imaxe do acto ao que asistiron o presidente do Goberno Canario, o alcalde da cidade e representación do Cabildo Insular.
    Imaxe do acto ao que asistiron o presidente do Goberno Canario, o alcalde da cidade e representación do Cabildo Insular.
  • O acto do 50 aniversario xuntou ás e aos asociados e amigos e amigas, rematando coa actuación das escolas do centro e unha cea.
    O acto do 50 aniversario xuntou ás e aos asociados e amigos e amigas, rematando coa actuación das escolas do centro e unha cea.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santa Cruz de Tenerife, 14 de decembro de 2012.

O Centro Gallego de Santa Cruz de Tenerife celebrou o pasado 7 de decembro o 50 aniversario da súa fundación cun acto institucional ao que asistiron o presidente do Goberno de Canarias, Paulino Rivero; o alcalde da capital tinerfeña, José Manuel Bermúdez e Consejera Insular de Deportes, Cristo Pérez, -que o fixo en representación do presidente do Cabido Insular que escusou a súa asistencia- así como persoas asociadas e amigos e amigas do Centro.

Ao comezar o acto, o presidente do Centro Gallego, Eduardo Sánchez Solla, tomou a palabra para dar a benvida a autoridades e convidados e convidadas e fixo unha descrición da historia da institución, destacando o carácter universal dos dous pobos, canario e galego, pola súa adaptabilidade a outros territorios e pola súa tolerancia. En segundo lugar, fíxoo a consejera do Cabildo de Tenerife que, entre outras cousas, desexou unha longa vida ao Centro Gallego.

O alcalde da cidade, pola súa banda, fixo referencia á presenza da Cruz de Santiago no escudo da cidade e do nome do apóstolo na denominación oficial desta (Santa Cruz de Santiago de Tenerife) e dixo que "o Centro Gallego, a pesar do seu carácter privado sempre estivo aberto á sociedade tinerfeña".

Finalmente, o presidente do Goberno de Canarias fixo fincapé sobre as palabras do presidente do Centro Gallego e engadiu que esa tolerancia común do pobo galego e canario vén dada por que ambos os dous se sitúan na periferia do Estado.

Despois destas intervencións entregáronse métopas conmemorativas do acto a autoridades e medios de comunicación, e fíxose un brinde con cava para pechar o acto institucional, que rematou coas actuacións das Escolas de Sevillanas, de Tango e de Gaita e Percusión que desenvolven o seu labor no Centro Gallego, e cunha cea no restaurante da sociedade.

907 lecturas