O Centro Galicia de Buenos Aires e o Concello de Tui, premios Entreculturas

Listen to this page using ReadSpeaker

O Centro Galicia de Buenos Aires e o Concello de Tui recibiron este ano os premios Entreculturas que, desde o 2004, entrega a Deputación Provincial de Pontevedra con motivo do día da Hispanidade para conmemorar o encontro de culturas e civilizacións que supuxo a chegada de Cristóbal Colón ás Indias en 1492. Nesta ocasión, o encargado de presidir os actos foi o vicepresidente do organismo provincial, José Manuel Figueroa, que se desprazou ata Baiona para facer a entrega da distinción fronte ao monumento "Encontro entre dous mundos". Unha localización que non é casual xa que "é a vila pontevedresa que tivo a honra de ser a primeira en Europa en recibir a nova dese Descubrimento coa Arribada da carabela Pinta ás súas praias'', explicou Figueroa no seu discurso.

O obxectivo dos premios é galardoar e recoñecer ás persoas ou entidades, de ambos os lados do Atlántico, que realizan labores de solidariedade, altruísmo e defensa e integración dos e das inmigrantes e emigrantes. Unha filosofía que cumpren "á perfección'' os dous premiados desta edición. O vicepresidente da Deputación destacou que "se o Centro Galicia simboliza a porta da internacionalización da cultura e da economía galegas, que deben representar os centros galegos no mundo, o premio ao Concello de Tui representa o traballo de integración e mutuo apoio que debemos manter con todos os inmigrantes".

 

Fonte: Diario de Pontevedra | Foto: Diario de Pontevedra

1185 lecturas