O Centro Galego de Valencia vén de inaugurar dúas exposicións en Massanassa

As dúas mostras estarán abertas ao público entre o 3 e o 7 de abril na Sala Gabriel Cualladó do Edificio Social-Cultural da vila da Horta Sur.

  • Cartel de 'Cenlle: Terra-Xente-Viño. Cultura, patrimonio e tradición'
    Cartel de "Cenlle: Terra-Xente-Viño. Cultura, patrimonio e tradición"
  • Cartel da exposición 'Morte Terra'
    Cartel da exposición "Morte Terra"
Listen to this page using ReadSpeaker
Valencia, 5 de abril de 2017.

Este pasado luns 3 de abril, ás 19:00 h,  o Centro Galego de Valencia inaugurou dúas exposicións fotográficas sobre Galicia no Edificio Socio-cultural do Concello de Massanassa (Valencia).

O acto estivo presidido polo alcalde de Massanassa, Vicent Pastor; o autor da exposición, o fotógrafo italiano afincado en Galicia, Matteo Bertolino; e polo presidente do Centro Galego de Valencia, José R. Cerdeira.

No acto de inauguración, o presidente do Centro Galego deu a benvida ás e aos presentes e agradeceu ao Concello e ao autor a cooperación brindada para levar a bo termo este acto cultural. Pola súa banda, o alcalde de Massanassa, fixo referencia ao Camiño de Santiago, a súa relación con Galicia reflectida nas imaxes expostas e á presenza do Centro Galego no seu municipio.

Matteo disertou sobre a orixe, a finalidade e pecularidades no desenvolvemento de ambos os proxectos. Entre outros aspectos fixo referencia a ambas as exposicións que, sendo diferentes, son complementarias.

Na primeira exposición denominada Morte Terra, Matteo, a través da súa mirada de estranxeiro, realízanos unha análise sobre o despoboamento rural en Galicia e, ao mesmo tempo, propón unha reflexión sobre este proceso demográfico e as súas importantes repercusións. A mostra reúne un total de 25 imaxes situadas entre os xéneros da fotografía documental e de autor, e presenta un avance dun proxecto a longo prazo, que pretende terminar coa edición dun fotolibro. Morte Terra, é unha denuncia, unha mirada retrospectiva ás nosas vidas, que aos poucos, e a pasos axigantados, vai enchendo os nosos pobos e aldeas de pantasmas do pasado, levándonos inexorablemente á perda das nosas raíces, cultura, e mesmo de nosa propia identidade como pobo.

A segunda exposición: Cenlle: Terra-Xente-Viño. Cultura, patrimonio e tradición, versa sobre este concello da comarca do Ribeiro (Ourense) e permitirá difundir a imaxe do municipio ourensán a través da súa estreita vinculación ao mundo do viño e as súas tradicións, xunto a outros atractivos da zona de indubidable valor patrimonial, cultural e turístico. Está composta por imaxes onde teremos como protagonista a vendima, a recolección da uva e as adegas, tomadas nos meses de agosto e setembro. Ambos os proxectos foron coordinadas polo investigador Oleg Lazovski quen non puido asistir ao acto de inauguración.

As e os asistentes despois de observar as exposicións, asistiron a un viño de honra que ofreceu o Concello de Massanassa e o Centro Galego de Valencia. No devandito ágape degustáronse produtos valencianos e galegos, regados con caldos do Ribeiro.

Estas dúas mostras itinerantes estarán abertas ao público entre o 3 e o 7 de abril na Sala Gabriel Cualladó do Edificio Social-Cultural de Massanassa.

 

Fonte e fotos: Centro Galego de Valencia

819 lecturas