O autoemprego e a creación de empresas por persoas emigrantes retornadas, obxectivo de axudas específicas da Secretaría de Emigración

Mercé a axudas directas que poden chegar a 8.000 euros por solicitante, durante o pasado ano abriron as súas portas negocios como unha clínica dental, unha tenda ‘delicatessen’, ou un taller de restauración.

Esta iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración, cun prazo de presentación de solicitudes que remata o 30 de setembro, complementa sen excluílas as axudas doutros departamentos da Xunta.

O secretario xeral da Emigración, nunha foto de arquivo
O secretario xeral da Emigración, nunha foto de arquivo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2015.

Por terceiro ano consecutivo, a Secretaría Xeral da Emigración ten convocadas as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, e os seus cónxuxes, para o ano 2015. Estas axudas teñen por obxectivo axudar aos galegos e galegas residentes no Exterior a instalar na Galicia territorial o seu propio negocio, e favorecer a creación de novos postos de traballo.

Cun tope máximo de 8.000 euros por solicitude (no caso de muller, ata 39 anos, e membro dunha sociedade laboral ou cooperativa), estas axudas son ademais compatibles e complementarias coas establecidas -para tódalas fases de emprendemento- para a poboación galega xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), dependente da Consellería de Economía e Industria, e tamén ás da Consellería de Traballo e Benestar.

A intención de Emigración, ademais de completar estas liñas cunha acción adicional, é lembrar ás e aos galegos residentes no Exterior que son tamén poboación que pode acollerse ás subvencións e axudas da Xunta para o emprendemento, e que no seu conxunto superan neste ano os 27 millóns de euros.

Estes cartos, e as liñas concretas para o seu desenvolvemento, son accións coas que o Goberno galego materializa o seu compromiso de apoiar a creación de novas empresas radicadas en Galicia, e loitar así contra o desemprego. No caso concreto da resolución de Emigración, preténdese que o retornado ou retornada aproveite a bagaxe, coñecementos e experiencias profesionais e persoais acadados no Exterior en beneficio de toda a comunidade, cree novos postos de traballo ao tempo que consolida a súa volta á terra, e mesmo contemple e difunda Galicia como destino para o investimento.

Incentivar a recuperación
Incentívase que os proxectos que teñan en mente as persoas de volta na Comunidade tomen forma canto antes, e axuden á recuperación do tecido económico na Galicia territorial, a través de iniciativas nadas dentro e tamén fóra do territorio, especialmente aquelas xeradas a raíz de experiencias profesionais no Exterior.

A iniciativa de Emigración subvenciona os gastos que leva consigo o establecemento das persoas galegas emigrantes retornadas ben como traballadoras autónomas ou por conta propia, ou ben como socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado. Así, son obxecto de subvención para os destinatarios e destinatarias ata o oitenta por cento dos gastos de notaría e rexistro, taxas, licencias administrativas, servizos profesionais externos, investimentos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pago para a realización de ventas en liña, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade, tales como calefacción, auga, electricidade, telefonía e internet. Trátase en fin de axudar ao emprendedor ou emprendedora, na medida do posible, a facer fronte aos primeiros gastos de establecemento.

Poden acollerse ás axudas as persoas galegas retornadas, que teñan fixada a súa residencia en Galicia, e que estean dadas de alta nalgún dos réximes da Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional que corresponda. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 30 de setembro, e a contía tope da axuda é de 4.000 euros para autónomos e autónomas e 6.000 para sociedades laborais ou cooperativas, en ambos casos con 1.000 euros a maiores se a persoa solicitante ten 39 anos ou menos, e outros 1.000 máis se é muller a persoa solicitante.

A estas axudas poden acollerse as persoas galegas residentes no Exterior que teñan retornado á Galicia territorial ata dous anos antes á presentación da solicitude de axuda ao abeiro da resolución, e que residan e exerzan a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma.

2031 lecturas