Nace en Estados Unidos a Peña Celtista 'América Celeste'

O primeiro colectivo de apoio ao equipo vigués no país está formado por emigrantes galegos e galegas de primeira ou segunda xeración que se inspiraron en 'Merlegos Celestes'.

  • Foto: La Voz de Galicia
    Foto: La Voz de Galicia
  • Foto: La Voz de Galicia
    Foto: La Voz de Galicia
  • A peña xa conta con perfís nas redes sociais Facebook e Twitter
    A peña xa conta con perfís nas redes sociais Facebook e Twitter
Listen to this page using ReadSpeaker
Vigo, 14 de setembro de 2015.

O celtismo non quere ter fronteiras. A última proba palpable é a posta en marcha da Peña 'América Celeste', un colectivo aínda en cernes, pero que xa empezou os trámites para constituírse de maneira oficial e intensificou nos últimos días a súa presenza en Internet través das redes sociais Facebook e Twitter e da súa propia páxina web.

Móvelles a ilusión por formar un conxunto de persoas que se reúnan para seguir ao Celta -como xa viñan facendo- e, á vez, que o dea a coñecer, a nova vertente con respecto ao que xa facían. «Somos un grupo pequeno por agora, cuns quince membros. A idea xurdiu máis que nada pola miña necesidade propia de seguir vendo os partidos, pero non facelo eu só en casa, e de facer crecer o celtismo», comenta entre risas John Millan, impulsor e futuro presidente -«non é un título oficial, pero supoño que son o máis próximo», aclara-, fillo de emigrantes galegas e galegos nado xa en Estados Unidos, o perfil máis frecuente das e dos seus membros.

A inspiración de Millan foi, ademais, a peña compostelá 'Merlegos Celestes'. «Vou a Galicia sempre que podo e este inverno tiven a ocasión de pasar un intre con eles», lembra. Contaxiáronlle o seu espírito de celtismo activo e por iso regresou «con ganas de traer un pouco dese sentimento alén do charco». Este verán deron o salto definitivo. «O grupo principal somos todos galegos ou descendentes de galegos que nos xuntamos nos centros culturais de Nova York e Nova Jersey. Hai tempo que vemos os partidos xuntos tomando tapas típicas nosas e pensamos en facelo oficial».

Agora mesmo están a estudar os pasos que deben seguir para «ser unha peña máis e poder ter os mesmos beneficios que outros grupos que están máis preto de Balaídos». Teñen un membro de vacacións en Vigo que se vai a encargar de tratar de axilizar os trámites. «Queremos ser un punto de referencia celeste na zona e temos moito que crecer. A posibilidade de facelo dános moitos ánimos, pois somos pequenos, pero estamos moi motivados».

O seu desembarco nas redes deulles gran visibilidade en pouco tempo, de modo que xa recibiron multitude de consultas e peticións de persoas que quererían formar parte da pena. «É incrible. Nós só somos afeccionados, todo sae da nosa vontade. Pero a comunidade celeste foi moi acolledora e enseguida estanos facendo sentir parte de algo máis grande», prosegue Millan, de 31 anos.

O obxectivo último da Peña América é «ser embaixadores do Celta en todos os sentidos, facer crecer o nome do equipo na comunidade americana a través de actividades benéficas e extradeportivas». A súa sede é o Club España, no número 180 da New York Ave, en Nova Jersey. «Alí reunímonos, aínda que a liga non nolo pon fácil cos horarios, hai veces que te tes que levantar ás seis da mañá. O estar en Primeira aliviou un pouco o problema», celebra.

Cren que non houbo ningunha outra peña celtista no país anteriormente, polo que ser a primeira constitúe un orgullo adicional. «Estiven a investigar e atopei  varias do Madrid e do Barça, pero ningunha do Celta», revela Millan. O seu reto, como non se cansa de repetir, é «ser embaixadores do Celta polo mundo, tender unha ponte entre América e Balaídos». Coa peña, di, será máis fácil.

 

Fonte e fotos: La Voz de Galicia

934 lecturas