Miranda visitou as capitais de Bélxica e Francia, países onde residen máis de vinte mil galegos e galegas

O secretario xeral da Emigración entrevistouse co director federal das Xuventudes Musicais de Bélxica, quen invitou a Galicia a protagonizar en 2015 o principal evento organizado por esa institución.

En Francia, Miranda comprometeu o apoio do seu departamento ao relanzamento da Casa de Galicia de París, arestora en proceso de cambio.

O alto cargo da Xunta trasladou á diáspora europea o desexo de colaboración para acadar unha maior proxección internacional de Galicia.

O secretario xeral da Emigración coa xunta directiva e socios e socias da Casa de Galicia de París
O secretario xeral da Emigración coa xunta directiva e socios e socias da Casa de Galicia de París
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou Bruxelas e París, nunha nova etapa do seu percorrido polos países europeos con colonias galegas significativas, despois de que se tivese achegado en meses anteriores a Alemaña, Suíza, e Reino Unido.

Concretamente, e segundo os datos do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro do INE, en Bélxica residían a 1 de xaneiro deste ano un total de 2.664 cidadáns galegos e galegas, e en Francia 18.325. No primeiro caso, estímase que a gran maioría reside precisamente na capital, e no caso da república gala, París, Marsella e Toulouse foron os destinos prioritarios da diáspora.

A viaxe do máximo mandatario autonómico en materia de Emigración comezou en Bruxelas, onde se reuniu en primeiro termo con membros da Casa de Galicia da capital belga. Despois, achegouse a coñecer a sede, e entrevistouse con representantes, do Centro Galego, onde animou a ambas entidades a traballar en colaboración.

Aínda na capital belga, Miranda mantivo un encontro con Michel Schoonbroodt, director federal das Jeunesses Musicales, institución que cada ano organiza o festival ‘Fenêtre Ouverte’, de varias xornadas de duración, con presenza en múltiplos puntos da capital europea, no que participan músicos de diversos países, e que en cada edición se dedica a unha rexión europea. Trátase dunha iniciativa que, ademais, expón a actualidade musical, cultural e social do ámbito xeográfico protagonista. Schoonbroodt trasladou ao secretario xeral da Emigración o desexo da súa organización de que Galicia sexa a protagonista en 2015.

Obxectivo compartido
Rodríguez Miranda quixo trasladar á diáspora de Bruxelas, como despois o fixo á parisiense, o desexo da Xunta de colaborar máis estreitamente coas comunidades galegas do Exterior, e aproveitar a súa experiencia e bagaxe para acadar unha meirande proxección internacional de Galicia. O secretario xeral da Emigración ten comprobado, neste últimos meses, que este obxectivo é plenamente compartido polos cidadáns e as cidadás residentes fóra da Galicia territorial.

A este respecto, Miranda puido coñecer de primeira man as impresións que os galegos e as galegas de Bélxica teñen respecto das potencialidades a explotar pola nosa Comunidade en materia turística ou cultural, entre outros aspectos, e fixo o propio no seu primeiro contacto coa diáspora en Francia.

Así, en París, o secretario xeral da Emigración entrevistouse coa nova directiva da Casa de Galicia da capital francesa, e puido conversar con algúns dos socios e socias da entidade, que atravesa un momento de transición, pero á que se lle adiviña un futuro prometedor pola vitalidade e xuventude de moitas e moitos dos seus participantes máis activos. Neste senso, Miranda comprometeu todo o apoio posible da Xunta para axudar ao relanzamento do centro.

1155 lecturas