Miranda visita Valencia de Venezuela para facer entrega á ‘Hermandad’ do novo convenio en materia asistencial

A Secretaría Xeral da Emigración reforza así o traballo social das comunidades galegas nun país envolto nunha situación de especial vulnerabilidade. 

A entidade entrega ao mandatario autonómico o seu máximo recoñecemento polo labor desenvolvido a prol da diáspora.

  • O secretario xeral da Emigración asistiu a unha actuación do novo equipo de patinaxe da entidade galega en Valencia
    O secretario xeral da Emigración asistiu a unha actuación do novo equipo de patinaxe da entidade galega en Valencia
  • Miranda recibindo o recoñecemento de mans de Manuel Fajín
    Miranda recibindo o recoñecemento de mans de Manuel Fajín
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2016.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou aos socios e socias, e as instalacións, da ‘Hermandad Gallega de Venezuela’ en Valencia, homónima da de Caracas, pero independente no seu funcionamento, e que preside Manuel Fajín. Malia tratarse de entidades asentadas en poboacións distintas e en ocasións moi distantes xeograficamente, as distintas comunidades galegas desenvolven múltiples actividades conxuntas, co gallo de optimizar os investimentos en materia social que alí se levan a cabo.

Precisamente, a detección de casos de persoas de orixe galega en situacións de especial vulnerabilidade –por razón de idade, enfermidade, desarraigo, afogo económico, ou mesmo varias delas- é unha das funcións relevantes destas entidades presentes en Venezuela, tal e como destaca Rodríguez Miranda: “Elas, as comunidades galegas no propio país, son os nosos ollos, as nosas orellas no terreo. Elas ven e escoitan nos lugares onde a Administración galega, por razóns obvias, non pode chegar. Sen o seu concurso, unha boa parte do investimento social que a Xunta desenvolve en Venezuela non podería chegar aos seus destinatarios naturais”.

Durante o percorrido polas instalacións da Hermandad valenciana, Miranda asistiu á demostración en vivo dalgunhas das actividades sociais, culturais e mesmo deportivas que se desenvolven na súa sede social. Tamén tivo ocasión de observar unha actuación do grupo de patinaxe, nova actividade ofrecida pola entidade, no seu permanente camiño de ampliación e actualización da oferta ás familias socias.

Convenio
O secretario xeral da Emigración fixo entrega á directiva do convenio en materia social e asistencial entre o departamento que dirixe e a propia Hermandad, para financiar parcialmente a actividade que desenvolve, precisamente, para paliar os casos de galegas e galegos que se atopan en situación máis feble. Co acordo entre as partes, que mantén a achega económica da Xunta de vinte mil euros, a Hermandad comprométese a prestar asistencia no seu Centro de Día ás persoas de orixe galega en risco de exclusión.

Miranda rematou a súa estadía en Valencia recollendo o recoñecemento que a Hermandad outorga aos máis relevantes colaboradores e colaboradoras da mesma. O secretario xeral agradeceuno “entendendo que non se trata tanto dun galardón á persoa como á actuación de Galicia e o seu Goberno en prol das e dos galegos en situación máis desfavorable. Recólloo e gárdoo, con todo o agarimo e maior respecto, como nova proba desa irmandade que, no nome dalgunhas súas entidades e na súa actuación diaria, define o espírito dos galegos en Venezuela”

724 lecturas