Miranda visita o Centro Galego de Tarragona, e participa en Barcelona na celebración do Entroido das comunidades galegas en Cataluña

O secretario xeral da Emigración gaba o exemplo das entidades galegas radicadas en terras catalás polo seu alto grao de inserción na sociedade de acollida.

As entidades da diáspora en Cataluña foron pioneiras no proceso de unión, iniciativa que arestora está en marcha noutros países.

No Día Internacional da Muller, Miranda adiantou que o Plan Integral da Emigración fomentará a participación feminina na vida social e directiva das comunidades galegas.

O secretario xeral da Emigración cursou visita tamén á Escola de Gaitas e Danzas Galegas 'Toxos e Xestas' de Barcelona.

  • Miranda co presidente e vicepresidente do Centro Galego de Cerdanyola e, á súa esquerda (dereita segundo se mira a foto), o do Centro Galego de Barcelona.
    Miranda co presidente e vicepresidente do Centro Galego de Cerdanyola e, á súa esquerda (dereita segundo se mira a foto), o do Centro Galego de Barcelona.
  • O secretario xeral da Emigración, con socias e socios do Centro Galego de Tarragona
    O secretario xeral da Emigración, con socias e socios do Centro Galego de Tarragona
  • Miranda asinou no Libro de honor do Centro Galego de Tarragona
    Miranda asinou no Libro de honor do Centro Galego de Tarragona
  • O secretario xeral da Emigración tamén cursou visita á Escola de Gaitas e Danzas 'Toxos e Xestas' de Barcelona
    O secretario xeral da Emigración tamén cursou visita á Escola de Gaitas e Danzas 'Toxos e Xestas' de Barcelona
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou na celebración do Entroido que, baixo a organización da Agrupación Cultural Saudade de Barcelona, reúne cada ano por estas datas a boa parte das socias e socios das comunidades galegas asentadas en Cataluña.

Canda Miranda, estiveron presentes diversas personalidades locais, feito que pon de relevo o importante nivel de integración das galegas e galegos naquela Comunidade Autónoma.

Este aspecto tamén foi destacado por Miranda, que lembrou asemade que as e os galegos afincados en Cataluña son “exemplo pioneiro para a Galeguidade universal. Había nada menos que trinta anos que non se daba un proceso de unión de comunidades galegas como o que o Presidente Feijóo veu ratificar a pasada primavera aquí, a Barcelona, e teño que dicir que o voso exemplo foi despois seguido por centros e casas de Galicia doutros países, e en breve terán lugar novos compromisos de unión. O facho dunha Galeguidade unida e forte foi aceso na Cataluña, pero alumea agora en boa parte de Europa e América”.

Miranda, que se dirixiu ás persoas presentes en galego, castelán e mesmo catalán, afirmou noutro momento da súa intervención que “reivindico ese espírito de unidade e forza para facer fronte aos tempos que se aveciñan. Non serán fáciles, pero Galicia sabe que conta con vós, coas galegas e galegos que viven fóra da Galicia territorial”.

En Tarragona
Antes de participar nese evento, Miranda visitou unha das comunidades galegas en Cataluña que lle faltaban por coñecer persoalmente, o Centro Galego de Tarragona. Alí puido conversar coas socios e socias, mentres percorría as instalacións canda a directiva da entidade e mailo delegado da Generalitat naquela provincia, Joaquim Nin Borreda.

Quixo o secretario xeral coñecer con detalle as opinións e inquedanzas das donas, na data do Día Internacional da Muller, e adiantoulles que o Plan Integral da Emigración, que o departamento que dirixe ten xa ben avanzado, “reforzará e impulsará a presenza das mulleres nas comunidades galegas, pois é de xustiza: o papel histórico desenvolvida polas galegas da diáspora é tanto ou máis relevante có dos homes, e igual de heroico có das mulleres que ficaban na Galicia territorial”, asegurou Miranda.

Trala visita ás instalacións do Centro, Miranda percorreu parte da comarca do Tarragonès, e mesmo tivo ocasión de participar nunha tradicional ’calçotada’ canda máis de cento cincuenta galegos e galegas que viven na zona (así como os presidentes do centros galegos de Barcelona, Mollet e Cerdanyola): “Que esteades reivindicando a vosa orixe, mentres gozades e facedes vosa unha tradición da sociedade de acollida, fala ás claras do alto nivel de integración de tódolos galegos de Cataluña”, afirmou Miranda.

962 lecturas