Miranda visita o ‘Centro Espanhol’ de Baía, onde exalta o esforzo e ilusión depositados polos pioneiros galegos e galegas no Brasil por manter a galeguidade entre as e os nados na diáspora

O secretario xeral da Emigración recorda e gaba a presenza de mozas e mozos residentes no país nos programas ‘Conecta con Galicia’ e ‘Escolas Abertas’, cuxa convocatoria acaba de abrirse.

Na foto, o secretario xeral da Emigración na súa visita ao Centro Espanhol de Salvador de Baía
Na foto, o secretario xeral da Emigración na súa visita ao Centro Espanhol de Salvador de Baía
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2016.

Na súa terceira xornada en Brasil, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou aos socios e socias, e as novas instalacións, do ‘Centro Espanhol’ de Salvador de Baía. Trátase dunha entidade que conta cun ‘clube social e recreativo’ que abrangue escola de danza, academia de ximnasia, campo deportivo con canchas de voleibol, fútbol, baloncesto e squash, piscinas, amplo aparcamento para case medio milleiro de vehículos, tres salóns de eventos, parque infantil, sauna, sala de enfermería, e varios locais de hostalaría.

En definitiva, o Centro é unha entidade cunhas instalacións que resultan especialmente atractivas para a comunidade galega residente na zona, pero tamén para os seus veciños e veciñas brasileiros.

Fundárase nesta localidade, en 1911, o ‘Casino Espanhol’, cuxa finalidade era estreitar vínculos entre a colonia galega e a sociedade baiana. Aquela entidade fora a primeira de carácter social coa que contaban as galegas e galegos alí residentes, e as capas sociais máis influentes da zona frecuentaban as súas instalacións. En 1929 fusionouse co ‘Ibérico Sport Club’ e quedou constituído o actual ‘Centro Espanhol’, que en 1975 inauguraba as importantes instalacións coas que conta arestora, fronte ao mar e nun entorno paisaxístico espectacular.

Para Rodríguez Miranda, “estas instalacións son o mellor expoñente do agarimo e ilusión que as e os galegos pioneiros en Baía depositaron, ao longo da súa vida, na supervivencia da súa cultura e costumes, no seu desexo porque as segundas e terceiras xeracións de galegos, xa nados aquí, puidesen combinar con total dignidade a súa condición de galegos e brasileiros”.

O mesmo que fixera en Uruguai, Miranda lembrou que, trala convocatoria anual de axudas individuais para os cidadáns e as cidadás galegas en situación de maior vulnerabilidade, tamén ven de facerse pública a apertura do prazo para apuntarse nos programas especificamente deseñados para as segundas e terceiras xeracións de galegos e galegas na diáspora, tales como ‘Conecta con Galicia’ ou ‘Escolas Abertas’, nas que é habitual a presenza de mozos e mozas residentes no Brasil.

Mañá, a Santos
O secretario xeral da Emigración acudirá esta tarde a unha entrevista co ‘prefeito’ (alcalde) de Salvador, Antonio Carlos Peixoto de Magalhães Neto, e concluirá a súa axenda na cidade acudindo a un encontro deportivo do ‘Galícia Sporte Clube’, tres veces campión da liga de fútbol baiana.

Finalmente, rematará mañá esta nova viaxe ao Brasil na cidade de Santos, que concentra a unha parte moi importante da colonia galega na República Federativa, conformada en total por 46.217 persoas, das que 32.745 (case o 71%) naceron xa na diáspora.

Alí, ademais de achegarse a coñecer de primeira man as inquedanzas e actualidade das persoas galegas residentes na zona, manterá unha xuntanza con membros das xuntas directivas da ‘Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro’ da devandita localidade, e do ‘Centro Espanhol e Repatriaçâo’.

478 lecturas