Miranda viaxa a Venezuela para facer seguimento dos programas de axudas de emerxencia aos galegos e galegas residentes no país

O secretario xeral da Emigración encontrarase coas e cos representantes diplomáticos españois e participará no Padroado da Fundación España Salud.

O cargo autonómico tamén asistirá a varias actividades culturais  dirixidas ás nenas e nenos galegos en Venezuela.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, viaxará a Venezuela para interesarse en persoa polo estado das solicitudes de axuda de emerxencia destinadas ás e aos galegos residentes no país por un importe de 200.000 euros. Esta partida, aprobada pola Xunta de Galicia a mediados deste ano, complementa unha anterior incluída nas axudas individuais para galegas e galegos no exterior de outros 252.000 euros, o que suma un total de 452.000 euros que pretenden dar resposta ás necesidades máis urxentes da poboación galega alí radicada, que está a vivir unha situación especialmente grave. Suman, así, en total, 1,5 millóns de euros as diferentes partidas que o Goberno autonómico destinará este ano a atender aos galegos e galegas de Venezuela.

O responsable do departamento autonómico tamén aproveitará esta nova visita á capital venezolana para comprobar a xestión do programa de distribución de medicamentos que vén de poñerse en marcha grazas á colaboración dos centros galegos en Venezuela, tanto na oficina de atención Social da Hermandad Gallega en Caracas dentro das súas instalacións como as que se integran nos Centros Gallegos de Maracaibo, Puerto La Cruz e Valencia. En todos eles ofrecen asesoramento social e para a tramitación destas axudas.

Encontros diplomáticos e actividades culturais
Rodríguez Miranda, ademais de entrevistarse con autoridades diplomáticas de España en Venezuela, como o embaixador, Jesús Silva; a cónsul, María Celsa Nuño García; e o consejero de Empleo y Seguridad Social, José Santiago Camba, asistirá o xoves á reunión do Padroado da Fundación España Salud (FES).

O secretario xeral da Emigración arrancará, sen embargo, o mércores o seu programa de viaxe con cadanseu encontro coas novas xeracións de galegas galegos en Venezuela. Farao nunha primeira actividade cultural matutina con alumnas e alumnos do colexio Castelao da Hermandad Gallega, aos que fará entrega do libro Un ronsel de Ardora, pequena biografía de Ángeles Alvariño.

Á tarde o titular do departamento autonómico asistirá a un acto cultural que terá lugar no Teatro Rosalía de Castro da agrupación galega en Caracas con nenas e nenos de ata 10 anos, aos que se agasallará co libro-CD Picariño: Pura e Dora Vázquez na voz de Suso Vaamonde. Trala entrega, Luis Vaamonde Polo e Alfredo Villalba Dourado, do grupo A Roda, ofrecerán un concerto didáctico no que interpretarán algunhas das cancións incluídas no libro-CD.

386 lecturas