Miranda ve na Estratexia Retorna 2020 unha solución para afrontar o reto demográfico da provincia de Ourense

O secretario xeral da Emigración visitou un dos nove empresarios e empresarias da capital ourensá que recibiron unha das Axudas ao Retornado Emprendedor nos derradeiros cinco anos.

Só en 2016 regresaron 328 persoas aos doce municipios que integran a comarca de Ourense, das que 257 o fixeron á cidade das Burgas, converténdoa na terceira de Galicia con máis persoas retornadas.

  • O secretario xeral da Emigración, xunto co alcalde da cidade das Burgas e a delegada territorial da Xunta en Ourense, visitou unha das empresas que reicibiron unha das Axudas ao Retornado Emprendedor nos últimos cinco anos
    O secretario xeral da Emigración, xunto co alcalde da cidade das Burgas e a delegada territorial da Xunta en Ourense, visitou unha das empresas que reicibiron unha das Axudas ao Retornado Emprendedor nos últimos cinco anos
  • O secretario xeral da Emigración visitou un dos nove empresarios e empresarias da capital ourensá que recibiron unha das Axudas ao Retornado Emprendedor nos derradeiros cinco anos
    O secretario xeral da Emigración visitou un dos nove empresarios e empresarias da capital ourensá que recibiron unha das Axudas ao Retornado Emprendedor nos derradeiros cinco anos
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, apuntou esta mañá á Estratexia Retorna 2020 como unha das ferramentas a disposición de todos os ourensáns e as ourensás para combater o complexo reto demográfico que está a afrontar con especial intensidade esta provincia galega. O documento, integrado por máis de medio cento de medidas e aprobado o mes pasado polo Consello da Xunta, implica a todos departamentos do Goberno galego e pretende facilitar o regreso á comunidade de máis de 20.000 galegas e galegos nos vindeiros tres anos, dos que 12.000 teñan menos de 45 anos.

Sumaríanse, así, ás e aos 328 galegos que retornaron en 2016 aos doce concellos que conforman a comarca de Ourense, dos que 257 o fixeron á capital ourensá. Estas cifras converten a cidade das Burgas na terceira de Galicia con maior volume de retorno, e se reflicten como unha solución real para paliar as consecuencias do despoboamento que comparten as rexións do interior de España.

Catro emprendedores novos o ano pasado
O responsable autonómico deu estas cifras durante a visita a un dos nove negocios postos en marcha por un mozo retornado na capital ourensá grazas ás Axudas ao Retornado Emprendedor, na que estivo acompañado polo alcalde da cidade, Xesús Vázquez, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz. Para Vázquez,  programas como a Estratexia Retorna 2020 son o mellor exemplo  de que os ourensáns “manteñen sempre vivos os seus azos coa terra dos seus maiores”  e que “aproveitan as oportunidades que se lles están a brindar para regresar e poñer en marcha os seus proxectos vitais na nosa cidade”. O rexedor salientou a “riqueza” e “experiencia” que ofrecen os galegos e as galegas do exterior, que se “se están a revelar como un sector dinámico da nosa sociedade que está chamado a rexuvenecer o noso tecido produtivo e demográfico”.   

Os tres coñeceron o estudio de deseño gráfico e arquitectura 988, posto en marcha en marzo de 2016 por Iago Novoa na Praza Maior de Ourense con outros dous socios tras dous anos de experiencia profesional en Irlanda. Coma ista, outras oito empresas viron a luz nos últimos seis anos no concello de Ourense grazas a este programa da Xunta de Galicia e catro máis no resto da provincia.

Durante o encontro Miranda salientou a vantaxe na que está a converterse para Ourense a súa tradición emigrante, “que hoxe lle dá a oportunidade de recuperar poboación e renovala cos seus propios veciños e os seus descendentes, aqueles que marcharon hai décadas ou anos en busca doutras vivenzas e que hoxe queren regresar á súa terra de orixe”.

Case medio cento de retornadas e retornados en dous concellos
Os concellos que están a atraer máis emigrantes ou descendentes persoas retornadas da comarca son, ademais da propia capital, Barbadás e San Cibrao das Viñas, que sumaron un total de 43 veciñas e veciños retornados. En toda a provincia foron 921. A suma de emigrantes e dos seus e as súas descendentes, que constitúe o número total de galegas e galegos residentes no exterior, ascende a 35.407 só na comarca de Ourense. Esta cifra incrementouse en 12.281 persoas desde 2009, debido principalmente ás e aos descendentes dos emigrantes da zona. Pola contra, a de ourensás e ourensáns nados en Galicia que residen no exterior baixou en 755 só no último ano.

Na actualidade hai 113.681 cidadás e cidadáns galegos inscritos nalgún dos concellos da provincia de Ourense residindo no exterior, dos que só 33.888, o 29,8 %, naceron en Galicia. O resto son fillas e fillos, netos e netas e mesmo binetas ou bisnetos nados xa no seu país de destino, o que explica que a maioría, o 69,4 % (78.936) teñan menos de 65 anos. Por países, A Arxentina é o país que acubilla un maior número de cidadás e cidadáns ourensáns (31.116), seguido de Cuba (12.996), Venezuela (12.458) e (Brasil (11.159). A estes galegos e galegas, tanto ás e aos emigrantes coma os seus descendentes, van dirixidos dous dos 22 principais programas especialmente deseñados para os retornados incluídos na Estratexia Retorna 2020: as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), as de estudos do ciclo superior de Formación Profesional, e as Axudas ao Retornado Emprendedor.

Axudas ao Retornado Emprendedor e 52 medidas máis
Destas últimas, que conceden ata un máximo de 10.000 euros para poñer en marcha un negocio en Galicia, beneficiáronse nos últimos cinco anos un total de trece ourensás e ourensáns retornados, dos que catro o fixeron na útima convocatoria deste programa, o de 2017. Na actualidade permanece aberto o prazo de solicitude destas axudas para o ano 2018, que rematará en setembro. 

A estas súmanse outras medidas, ata un total de 53, con incentivos específicos que tamén van dirixidas a facilitar o autoemprego e a contratación de persoas emigrantes  retornadas, como os destinados á contratación na empresa ordinaria e o programa para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación, ás que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina máis de 13 millóns de euros só en 2018, e que destina un 25% adicional para os retornados e retornadas. A Estratexia Retorna 2020 esténdese, non obstante, a todas as áreas do retorno: desde a información (coa creación dunha Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retornado, tanto física como virtual e telefónica), ata o apoio social (cunha liña de axudas ás familias que regresen a Galicia con fillas ou fillos menores de idade), pasando pola formación, a investigación, a vivenda e o mercado laboral.

561 lecturas