Miranda traslada o apoio do pobo e Goberno galegos ás e aos 47.000 paisanos residentes en Venezuela, e compromete nova visita para os primeiros meses de 2016

O secretario xeral da Emigración recibiu a membros da directiva da ‘Hermandad Gallega’ de Valencia.

  • Miranda e Ribero, durante a xuntanza que tivo lugar no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela
    Miranda e Ribero, durante a xuntanza que tivo lugar no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela
  • Miranda e Ribero, durante a xuntanza que tivo lugar no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela
    Miranda e Ribero, durante a xuntanza que tivo lugar no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu en Santiago ao chanceler da Orde da Hermandad Gallega de Valencia (de Venezuela), Ramón Ribero, que preside Manuel Fajín.

No decurso da entrevista, Ribero explicou a Miranda os traballos desenvolvidos máis recentemente pola entidade á que representa, e intercambiou co alto cargo autonómico opinións sobre a actualidade e perspectivas do futuro inmediato na república sudamericana, agora que se abre un novo tempo político tralas recentes eleccións.

O secretario xeral da Emigración trasladou unha vez máis todo o apoio e agarimo, por parte do pobo e Goberno galegos, aos paisanos e paisanas residentes naquel país, e afirmou que “agora que remontamos o peor período económico, Galicia estará máis preto que nunca da colectividade galega en Valencia, en Caracas, en toda Venezuela”.

Neste senso, lembrou Miranda que o departamento que dirixe inviste directamente en Venezuela, a través dos distintos programas sociais que desenvolve ao longo do ano, en torno a 600.000 euros en cada exercicio orzamentario, cantidade que abrangue axudas individuais, programas colectivos, e apoio ás entidades que representan aos galegos e galegas alí.

Exemplo desa presenza das entidades sobre o terreo é o Centro de Día para maiores que a Hermandad posúe, do que que se benefician as e os galegos de Valencia e a súa contorna, e que conta precisamente coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración. Trátase dun expoñente máis da clara aposta social dos orzamentos deste departamento e de todo o Goberno galego en xeral.

No decurso da entrevista, o secretario xeral da Emigración comprometeuse a realizar unha nova visita a Venezuela “nos primeiros meses de 2016”, para analizar de novo a realidade e actualidade da importante presenza galega nese país.

A entidade
A Hermandad Gallega de Valencia foi fundada en 1980, fundamentalmente por persoas procedentes do mundo industrial, cunha importante vocación de fomento do deporte desde os seus primeiros días de existencia. Posúe unha sede social que ocupa unha área de 45.000 metros cadrados, cun edificio central que alberga a área de servizos de hostalaría e sociais, e mais outro de oficinas, consultorios médicos, e áreas para actividades diversas, entre as que cabe destacar as musicais e folclóricas de diversa índole. Ademais, as instalacións deportivas abranguen piscina olímpica e canchas de tenis, baloncesto, fútbol sala, voleibol, e outras especialidades deportivas.

Como acontece decote en Venezuela, a sede da colectividade galega representa un lugar de ocio e lecer para toda a familia, en condicións de seguridade difíciles de acadar noutros enclaves; pero ademais, e como tamén é habitual en moitos países de América, a entidade conta cunha relevante variante de atención sociosanitaria.

Case 47.000 galegas e galegos
Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a data de 1 de xaneiro deste ano, residían en Venezuela un total de 46.882 galegas e galegos, dos que 30.148 (o 64’30 % do global) xa naceron no país de residencia.

1122 lecturas