Miranda sinala o papel fundamental das comunidades galegas na proxección exterior da alta calidade dos produtos agroalimentarios de Galicia

O secretario xeral da Emigración reuniuse con parte da comunidade galega en Cuxhaven, cunha forte representación da comarca de Arousa.

Imaxe da reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
Imaxe da reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, puxo o foco no papel que a gastronomía galega xoga na proxección exterior de Galicia como unha das ferramentas con máis alcance e pegada en todos os colectivos de cidadás e cidadáns galegos residentes fóra das nosas fronteiras. O responsable autonómico, quen lembrou que a promoción dos produtos agroalimentarios de Galicia conforma unha das cen medidas incluídas na Estratexia Emigración 2020, mantivo un encontro con  varias e varios representantes da comunidade en Cuxhaven.

As e os directivos e socias e socios do Centro Galego desta cidade alemá acudiron á sede da Secretaría Xeral da Emigración, en Santiago de Compostela, acompañados por responsables da Mancomunidade do Salnés. Así, xunto á presidenta da entidade galega de Cuxhaven, Marisa Sotelo, o presidente e o xerente do órgano comarcal, Gonzalo Durán e Ramón García Guinarte, respectivamente, arrouparon ás e aos membros da entidade alemá na exposición dos seus proxectos a Miranda, quen ofreceu a súa colaboración nas actividades de proxección de Galicia no exterior que están a deseñar desde conxuntamente con esta localidade de Alemaña. A cidade está irmandada, de feito, co concello arousán de Vilanova desde 2001.

O albariño, embaixador de Galicia
A celebración da Festa do Albariño en Cuxhaven converterase a terceira semana de setembro (do 19 ao 23) nunha cita obrigada para as e os residentes nesta zona do país xermano, e nunha nova iniciativa do Centro Galego, que “desde 1980 mantén o firme e decidido compromiso de difundir a orixe e identidade galegas, desenvolvendo actividades de divulgación da idiosincrasia, a cultura e os costumes galegos entre os nosos socios, os seus descendentes e o público en xeral”, segundo a propia entidade.

412 lecturas