Miranda sinala que a Estratexia Retorna 2020 contén unha vintena de medidas dedicadas a fomentar o emprego das galegas e os galegos retornados

O secretario xeral da Emigración compareceu esta mañá no Parlamento para responder unha pregunta do Partido Popular.

O responsable autonómico lembrou que só no eido laboral e de emprendemento o documento recén aprobado pola Xunta de Galicia ten xa activas axudas por máis de 63 millóns de euros.

  • O secretario xeral da Emigración, durante a súa comparencia desta mañá no Parlamento de Galicia
    O secretario xeral da Emigración, durante a súa comparencia desta mañá no Parlamento de Galicia
  • O secretario xeral da Emigración, durante a súa comparencia desta mañá no Parlamento de Galicia
    O secretario xeral da Emigración, durante a súa comparencia desta mañá no Parlamento de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de abril de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, salientou esta mañá no Parlamento de Galicia que a Estratexia Retorna contén unha vintena de medidas unicamente destinadas a fomentar e promover o autoemprego e a contratación entre galegas e galegos retornados. O responsable autonómico acudiu á Cámara para responder unha pregunta formulada pola voceira do Grupo Popular, Raquel Arias, acerca das iniciativas que a Xunta de Galicia ten en marcha para apoiar as iniciativas empresarias ou de traballo por conta allea das e dos emigrantes que regresan a Galicia.

As Axudas ao Retornado Emprendedor, da Secretaría Xeral da Emigración, ten feito posible a creación dun total de 87 empresas desde a súa posta en marcha, en 2013, ata hoxe a través de subvencións que alcanzan os 10.000 euros. O programa vén, ademais, de abrir o prazo de solicitudes da convocatoria de 2018, que rematará en setembro. As galegas e galegos de Venezuela foron os que lanzaron máis proxectos grazas a estas axudas, un total de 29, seguidos dos de Reino Unido, aos que se concederon 10; Suíza, con 6; e Alemaña, con 5. 

No eido estritamente laboral, ás Axudas ao Retornado Emprendedor súmanse outras dezanove recollidas na Estratexia Retorna 2020 con incentivos específicos que tamén van dirixidas a facilitar o autoemprego e a contratación de persoas retornadas para o que os diferentes departamentos da Xunta teñen xa activos programas cun investimento superior aos 63 millóns de euros só para o 2018. Miranda lembrou que o documento inclúe máis de medio cento de medidas, entre as que se atopan outras doce axudas de carácter social, cinco relacionadas co I+D+i e sete coa formación das e dos retornados e os seus fillos e fillas. En total, os diferentes departamentos do Goberno galego destinan máis de 16 millóns de euros a estes programas, e máis de 220 para outros transversais que inclúen incentivos específicos, de ata o 25%, para os galegos e galegas que regresan a Galicia.   

Unha oportunidade extraordinaria
O secretario xeral da Emigración instou a todas e todos os galegos a “ver o retorno como o que é: non unicamente un dereito de todos os emigrantes e os seus descendentes, senón tamén unha oportunidade extraordinaria que a historia de Galicia nos ofrece”. “O Goberno galego é consciente desde fai anos de que o noso país dispón dun activo que pode converterse nun dos piares fundamentais no cambio demográfico: os milleiros de galegos de primeira, segundas e terceiras xeracións que residen fóra da Galicia territorial pero conservan igual de forte o vínculo coa terra que os viu saír a eles ou aos seus pais e avós. Un vínculo que se mantivo en gran parte grazas ao esforzo que a Xunta de Galicia vén facendo dende fai décadas cos distintos programas destinados á emigración en todo o mundo. Queremos que todos estes galegos sintan a súa terra como o lugar onde desenvolver a súa traxectoria persoal e profesional, e desde o Goberno galego imos establecer todas as medidas necesarias para que Galicia sexa a súa mellor opción para vivir“, sinalou.

O obxectivo deste programa, que implica a todos departamentos do Goberno galego, é facilitar o regreso a Galicia de máis de 20.000 galegas e galegos nos vindeiros tres anos, dos que 12.000 teñan menos de 45 anos. A estas galegas e galegos, tanto ás e aos emigrantes coma os seus descendentes, van dirixidos os outros dous dos 22 principais programas especificamente deseñados para os retornados e retornadas incluídos na Estratexia Retorna 2020: as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) e as de estudos do ciclo superior de Formación Profesional.

403 lecturas