Miranda salienta en ‘Xantar’ o papel das colectividades galegas como embaixadoras da calidade gastronómica do país

O secretario xeral da Emigración convidou a “aproveitar a nosa presenza en todo o mundo, e colaborar coas comunidades galegas do Exterior, para afondar no camiño da mestura de sabores e culturas, e polo tanto no enriquecemento mutuo”.

Tamén recordou que a boa imaxe exterior de Galicia débese en boa medida ao bo facer culinario dos galegos e as galegas da diáspora.

Destacou asemade que, froito dese intercambio e experiencias, enriquecéronse a gastronomía e cultura galegas, pero tamén as locais dos países nos que se asenta a Galeguidade.

  • Miranda salienta en ‘Xantar’ o papel das colectividades galegas como embaixadoras da calidade gastronómica do país
    Miranda salienta en ‘Xantar’ o papel das colectividades galegas como embaixadoras da calidade gastronómica do país
  • Miranda salienta en ‘Xantar’ o papel das colectividades galegas como embaixadoras da calidade gastronómica do país
    Miranda salienta en ‘Xantar’ o papel das colectividades galegas como embaixadoras da calidade gastronómica do país
  • Rodríguez Miranda xunto aos xefes de cociña galardoados en Xantar.
    Rodríguez Miranda xunto aos xefes de cociña galardoados en Xantar.
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2015.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu esta tarde o acto de homenaxe a dous dos restaurantes galegos recoñecidos este ano coa estrela Michelín, e a dous chefs de Costa Rica, país invitado este ano no Salón Internacional de Gastronomía e Turismo 2015 ‘Xantar’, e no que residen preto de mil galegas e galegos. Canda Miranda, estiveron presentes representantes de asociacións sectoriais, da propia delegación costarricense, e do Concello, ademais do director de Xantar, e Expourense, Alejandro Rubín.

Miranda salientou que “a gastronomía é un dos principais atractivos turísticos de Galicia, como demostra o feito de que é a segunda motivación, despois da natureza, para que os turistas elixan a nosa comunidade como destino”, e puxo de relevo a importancia das comunidades galegas no Exterior para potenciar esa mensaxe.

Ademais, afirmou o secretario xeral da Emigración, “os restaurantes e establecementos hostaleiros da Galeguidade son referente polos bos produtos empregados, e por ser quen de maridar as receitas galegas cos produtos autóctonos, nunha fusión intercultural recoñecida en moitos lugares do mundo”. Unha maridaxe que, segundo salientou Miranda, “trouxo a Galicia un importante número de ingredientes agora xa habituais na nosa cociña, comezando –falo de hai moito tempo- pola humilde pataca, vida de terras americanas”.

O máximo responsable autonómico en materia de Emigración asegurou asemade que “así, as comunidades galegas do Exterior axudan a proxectar no estranxeiro a boa imaxe de Galicia, onde temos a maior variedade de produtos do mar do mundo, e somos ademais o primeiro produtor e consumidor español de peixe”. Tamén lembrou Miranda que “as nosas máis de 300 festas gastronómicas impulsan o sector turístico e promoven os nosos produtos con indicación de calidade”.

Calidade galega
En Galicia, 12 restaurantes ostentan este ano a Estrela Michelín, o que sitúa a comunidade na quinta posición na clasificación española. Foi precisamente o restaurante Nova de Ourense o que se engadiu este ano á selecta listaxe, da que forman parte cinco establecementos da provincia da Coruña e seis de Pontevedra: Alborada e Árbore da Veira na Coruña, A Estación de Cambre, As Garzas de Malpica, O Retiro da Costiña en Santa Comba, Culler de Pau no Grove, Maruja Limón en Vigo, Silabario en Tui, Casa Solla en Poio, Pepe Vieira en Pontevedra e Yayo Daporta en Cambados, aos que se suma este ano Nova en Ourense.

Ademais, 26 restaurantes galegos atesouran un total de 37 Soles Repsol, e 59 establecementos de restauración galegos contan coa Q de Calidade Turística, o que fan 8 máis que o ano pasado. “Poucas zonas en Europa poden presumir desta condensación de calidade gastronómica”, segundo afirmou Rodríguez Miranda.

Proxección internacional
Xantar 2015, que se celebra en Expourense entre o 4 e o 8 de marzo, céntrase na promoción de destinos gastronómicos baseados nunha cociña sostible e saudable. Con Costa Rica como país convidado nesta edición, a organización prevé máis de 100 actividades profesionais nesta 16ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico. En Expourense 140 expositores ocupan 12.000 metros cadrados de superficie, e entre eles destacan 17 restaurantes que ofrecerán 25 menús baseados nos produtos autóctonos e de calidade.

A presenza nesta edición de expositores e participantes de 10 países (España, Portugal, Costa Rica, México, Arxentina, Francia, Perú, Cuba, Ecuador e Paraguai) ven consolidar a súa condición de "Feira Comercial Internacional", un selo outorgado pola Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Economía e Competitividade, que o converte nunha das cinco citas internacionais de turismo celebradas en España, e na única especializada en gastronomía.

Un feito que Miranda tamén destacou na súa alocución para acabar convidando “aos galardoados, e tamén a tódolos presentes, a aproveitar a nosa presenza en Costa Rica, en toda América, e en todo o mundo, e colaborar coas comunidades galegas do Exterior para afondar nese camiño da mestura de sabores e culturas, e polo tanto no enriquecemento mutuo”.

637 lecturas