Miranda salienta o potencial que o pasado emigrante da comarca de Pontevedra ten hoxe para a Estratexia Retorna 2020

O secretario xeral da Emigración visitou na capital pontevedresa un dos sete negocios que recibiron unha das Axudas ao Retornado Emprendedor.

Só en 2016 regresaron 211 persoas aos oito concellos que integran a comarca de Pontevedra, das que 112 o fixeron á cidade do Lérez.

O secretario xeral da Emigración visitou na capital pontevedresa un dos sete negocios que recibiron unha das Axudas ao Retornado Emprendedor
O secretario xeral da Emigración visitou na capital pontevedresa un dos sete negocios que recibiron unha das Axudas ao Retornado Emprendedor
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de abril de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, salientou esta mañá o potencial que o pasado emigrante da comarca de Pontevedra ten hoxe para a Estratexia Retorna 2020, integrado por máis de medio cento de medidas e aprobada a pasada semana polo Consello da Xunta. O obxectivo do documento, que implica a todos departamentos do Goberno galego, é facilitar o regreso á comunidade de máis de 20.000 galegas e galegos nos vindeiros tres anos, dos que 12.000 teñan menos de 45 anos. Sumaríanse, así, ás e aos 211 galegos que retornaron en 2016 aos oito concellos que conforman a comarca de Pontevedra, dos que 112 o fixeron á cidade do Lérez.

O responsable autonómico deu estas cifras durante a visita a un dos sete negocios postos en marcha por un mozo retornado na capital pontevedresa grazas ás Axudas ao Retornado Emprendedor. Carlos Vidal Malvar regresou do Reino Unido para abrir a súa propia viñoteca na zona monumental da capital pontevedresa. Coma el, outras seis empresas viron a luz nos últimos seis anos no concello de Pontevedra grazas a este programa da Xunta de Galicia, catro delas só o ano pasado.

Durante o percorrido polo local, Miranda salientou que “non se trata simplemente dunha cuestión numérica, de engrosar o padrón de habitantes para afrontar o reto demográfico que ten por diante Galicia, senón de aproveitar o valor engadido que os galegos do exterior, tanto os emigrantes coma os seus descendentes, poden aportar á nosa comunidade. A súa experiencia, os seus coñecementos e a súa visión social e cultural fan deles os mellor recurso que ten a nosa comunidade con moita diferenza”.

Elevadas cifras de retorno da Lama
Os concellos con máis tradición emigrante da comarca son A Lama, Ponte Caldelas e Campo Lameiro. Chaman a atención, de feito, as cifras da Lama, que ten 2.319 residentes no estranxeiro e á que retornaron 38 persoas en 2016, a cuarta cifra máis alta de todo o norte da provincia.

A suma das e dos emigrantes e dos seus e as súas descendentes, que constitúe o número total de cidadás e cidadáns galegos residentes no exterior, ascende a 30.060 só na comarca de Pontevedra. Esta cifra incrementouse en 10.337 persoas nos últimos nove anos, debido principalmente ás e aos descendentes das e dos emigrantes da zona. “Galicia ten a impagable oportunidade de converter o seu pasado emigrante nunha oportunidade de futuro para afrontar o reto demográfico que se lle plantexa nestes intres”, engadiu o responsable autonómico.

Na actualidade hai 150.674 galegas e galegos inscritos nalgún dos concellos da provincia de Pontevedra residindo no exterior, dos que só 44.752, o 29,7% naceron en Galicia. O resto son fillas e fillos, netas e netos e mesmo bisnetas e bisnetos nados xa no seu país de destino, o que explica que a gran maioría, o 73,17% (110.253) teñan menos de 65 anos. Por países, a Arxentina é o país que acoubilla un maior número de pontevedresas e pontevedreses con diferenza, seguido de Brasil, Alemaña e Francia. A estas e estes galegos, tanto aos emigrantes coma os seus descendentes, van dirixidos dous dos 22 principais programas especialmente deseñados para as retornadas e retornados incluídos na Estratexia Retorna 2020: as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), as de estudos do ciclo superior de Formación Profesional, e as Axudas ao Retornado Emprendedor.

Axudas ao Retornado Emprendedor e 52 medidas máis
Destas últimas, que conceden ata un máximo de 10.000 euros para poñer en marcha un negocio en Galicia, beneficiáronse nos últimos cinco anos un total de dezasete pontevedresas e pontevedreses retornados, dos que catro fixérono na útima convocatoria deste programa, o de 2017. Na actualidade permanece aberto o prazo de solicitude destas axudas para o ano 2018, que rematará en setembro. 

A estas súmanse outras medidas, ata un total de 53, con incentivos específicos que tamén van dirixidas a facilitar o autoemprego e a contratación de retornadas e retornados, como os destinados á promoción e consolidación do emprego autónomo, que inclúe dúas liñas diferentes ás que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina máis de 16 millóns de euros en 2018, e que destina un 25% adicional para as e os retornados. A Estratexia Retorna 2020 esténdese, non obstante, a todas as áreas do retorno: desde a información (coa creación dunha Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retornado, tanto física como virtual e telefónica), ata o apoio social (cunha liña de axudas ás familias que regresen a Galicia con fillas ou fillos menores de idade), pasando pola formación, a investigación, a vivenda e o mercado laboral.

302 lecturas