Miranda renova a súa colaboración coa Fundación +34 para atender ás e aos galegos no exterior que se atopen en situación de privación de liberdade e especial dificultade

A finalidade do acordo é actuar en materia xurídica, psicolóxica, médica e farmacéutica.

O acordo lembra que a Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos (OACNUDH) ten denunciado unha preocupante situación de morte e violencia nos cárceres de determinados países
O acordo lembra que a Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos (OACNUDH) ten denunciado unha preocupante situación de morte e violencia nos cárceres de determinados países
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinou un acordo co presidente da Fundación +34, Francisco Javier Casado Martín, para prestar atención a aqueles presos e presas de orixe galega que estean en situación de especial dificultade en prisións estranxeiras, nomeadamente en América Latina.

O acordo lembra que “a Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos (OACNUDH) ten denunciado unha preocupante situación de morte e violencia nos cárceres de determinados países”. Por esta razón, tanto o Valedor do Pobo como o Defensor del Pueblo teñen solicitado ás distintas Administracións competentes que fagan un esforzo por atender ás persoas que se atopan en grave risco “por estar en situación de privación de liberdade en países nos que non se asegura unhas condicións de respecto dos niveis mínimos dos dereitos humanos”.

A Fundación +34 é unha organización privada, de carácter social e benéfica sen ánimo de lucro, e entre os seus fins atópase a axuda humanitaria e defensa das e dos presos españois no estranxeiro así como a axuda aos cidadáns e cidadás en situación de desamparo e abandono.

Condicións físicas e psicolóxicas
O convenio, dotado con 12.000 euros achegados pola Secretaría Xeral da Emigración, busca favorecer as condicións tanto físicas como psicolóxicas das persoas encarceradas, así como recadar información sobre a súa situación xurídica; facilitar asistencia médica con periodicidade semestral en diversas cidades do centro e sur de América; e o envío de produtos farmacéuticos a aquelas persoas, obxectivo final do convenio, que as necesitan para a súa supervivencia e non as teñen garantidas.

Deste xeito, o Goberno galego pretende complementar o traballo da Administración do Estado, que é na que recae a responsabilidade e competencia sobre os españois e as españolas recluídas en cárceres do estranxeiro.

473 lecturas