Miranda renova o seu compromiso coas e cos galegos retornados na súa visita á oficina da Federación de Venezolanos en Galicia en Vigo

A Secretaría Xeral da Emigración mantén un convenio coa entidade de 35.000 euros, que garante o servizo gratuíto de información e asesoramento.

Entre as dúas oficinas fixas e a móbil, a Federación de Venezolanos en Galicia atendeu nos primeiros cinco meses do ano máis de 700 consultas.

  • O secretario xeral da Emigración visitou esta mañá a oficina de Fevega en Vigo
    O secretario xeral da Emigración visitou esta mañá a oficina de Fevega en Vigo
  • O secretario xeral da Emigración visitou esta mañá a oficina de Fevega en Vigo
    O secretario xeral da Emigración visitou esta mañá a oficina de Fevega en Vigo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2018.

A Secretaría Xeral da Emigración vén de renovar o seu compromiso coas galegas e os galegos retornados de Venezuela a través do convenio que mantén coa Federación de Galegos de Venezuela (Fevega), coa que colabora de xeito económico para axudar a garantir o servizo gratuíto de información e asesoramento. O titular do departamento autonómico, Antonio Rodríguez Miranda, ratificou esta mañá a súa implicación cos galegos e galegas que están a sufrir as consecuencias da grave crise social que atravesa o país suramericano durante a visita a unha das tres oficinas que a agrupación ten repartidas por toda a comunidade, situada en Vigo.

Ourense e unha terceira unidade móbil, que permite ao persoal de Fevega desprazarse por diferentes concellos e comarcas de todas as provincias de Galicia, completan a oferta de asesoramento da entidade de venezolanas e venezolanos a todas e todos os galegos que veñen de retornar, así como a calquera outra persoa que precise información. En total, as tres oficinas atenderon nos cinco primeiros meses do ano un total de 732 consultas, das que 507 se dirixiron directamente tanto á da cidade olívica como á itinerante, e outras 225 á ubicada na capital ourensá.  

Unha prioridade en emigración
“Venezuela é nestes intres a nosa prioridade en materia de emigración. Leva séndoo desde que se agravou a crise que está a desestabilizar o país, e o vai seguir sendo ata que a situación se normalice. A difícil conxuntura que están a vivir os galegos que residen en Venezuela require de todos os nosos esforzos para axudar a procurarlles as súas necesidades máis básicas”, sinalou Miranda. Entre outros programas xestionados polo departamento dependente da Presidencia da Xunta, o responsable autonómico salientou as axudas extraordinarias ás persoas emigrantes retornadas, que contan este ano cunha partida específica de 900.000 euros para as e os procedentes deste país, e a de medicamentos, para a que se dispón de 150.000 euros.

Máis de dous millóns para este colectivo
A Secretaría Xeral da Emigración destinará un total de 2,2 millóns de euros ás cidadás e aos cidadáns galegos de Venezuela entre as actuacións levadas a cabo no propio país e as que teñen como obxectivo o fomento do retorno. Entre estas últimas atópase o convenio que mantén coa Federación de Venezolanos en Galicia, dotada con 35.000 euros destinados a cubrir os gastos do seu labor de información e asesoramento.

Venezuela é o quinto país do mundo con maior presenza de galegas e galegos, 40.226 a 1 de xaneiro de 2018, dos que 25.309 (un 62,91 %) naceron xa na diáspora. A galega é, trala canaria, a colectividade española máis relevante nun país que está a atravesar momentos de especial incerteza sobre o seu futuro.

557 lecturas