Miranda recibe no Obradoiro a medio centenar de visitantes do Centro Galego de Burgos

O secretario xeral da Emigración enxalza o papel das comunidades galegas como impulsoras da proxección nacional e internacional da nosa terra.

  • O secretario xeral da Emigración achegouse ata o Obradoiro e departiu cos e coas participantes na viaxe
    O secretario xeral da Emigración achegouse ata o Obradoiro e departiu cos e coas participantes na viaxe
  • O secretario xeral da Emigración achegouse ata o Obradoiro e departiu cos e coas participantes na viaxe
    O secretario xeral da Emigración achegouse ata o Obradoiro e departiu cos e coas participantes na viaxe
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu este mediodía na compostelá Praza do Obradoiro a medio centenar de participantes na visita ao Camiño de Santiago e Galicia organizada polo Centro Galego de Burgos, que preside Ángel Ferreiro.

Miranda salientou “o importante papel de dinamización turística que realizan, nas sociedades nas que se asentan, as comunidades galegas do resto de España e do mundo. Contribúen de maneira moi destacada á promoción cultural e á proxección nacional e internacional da nosa terra”.

O secretario xeral tamén destacou que “sempre é un orgullo recibir a visitantes doutros lugares que, por razóns de orixe ou calquera outro tipo de vinculación, séntense irmandados con Galicia, e que -como nesta ocasión- veñen acompañados de persoas interesadas en coñecer máis da nosa cultura, sexa cal for a súa orixe”. Miranda asegurou que a Administración galega colaborará en todo o posible para que ese papel se reforce.

Galicia en Burgos
O Centro Galego en Burgos mantén un local social que conta con sala de conferencias, biblioteca, e servizos de hostelaría. A súa localización, pretiño do prestixioso Museo da Evolución Humana –referente turístico fundamental da cidade canda a catedral-, fai que polas súas instalacións pasen con regularidade non só socias e socios do Centro e doutras comunidades galegas, senón tamén xente sen relación directa con Galicia, o cal facilita unha proxección singular e personalizada da nosa terra.

En Burgos residen, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, 2.201 persoas nadas en Galicia, se ben moitas delas levan décadas vivindo nesa provincia e teñen transmitido a veciñas e veciños, amigos e amigas e descendentes a súa permanente ligazón coa terra de orixe. En toda a Comunidade Autónoma de Castela e León residen 23.819 persoas nadas en Galicia.

1137 lecturas