Miranda recibe en audiencia ao presidente da Hermandad Gallega de Valencia (Venezuela)

O secretario xeral recordou o firme compromiso do Goberno galego cos galegos e galegas residentes no país.

Máis de 46.000 galegas e galegos residen en Venezuela, dous terzos dos cales naceron xa na diáspora.

  • Miranda e Fajín, durante a audiencia na Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
    Miranda e Fajín, durante a audiencia na Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
  • Miranda e Fajín, durante a audiencia na Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
    Miranda e Fajín, durante a audiencia na Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho ao presidente da Hermandad Gallega de Valencia, Manuel Fajín Recarey, con quen falou da situación actual da comunidade galega na cidade venezolana, e no resto do país.

Ademais, Fajín reiterou ao secretario xeral a invitación para visitar novamente a socios e socias e instalacións da entidade que preside, e tamén expuxo o plan de actuación previsto pola Hermandad para o presente ano 2017, con especial énfase na mellora e actualización das infraestruturas das que dispón a comunidade galega en Valencia. Pola súa banda, Miranda trasladoulle ao directivo da entidade a reiteración do compromiso do Goberno galego con tódolos paisanos e paisanas en situación de vulnerabilidade en calquera lugar do mundo, “con especial atención aos países nos que se está a rexistrar unha crecente inestabilidade nos aspectos social e económico, como é Venezuela”, afirmou o secretario xeral.

O alto cargo autonómico, neste sentido, recordou que o propio Presidente Feijóo comprometeuse a blindar o apoio ás comunidades galegas alí presentes, e tamén afirmou Miranda que “as e os nosos paisanos en Venezuela están sempre presentes no deseño das liñas de actuación da Secretaría, e gran parte dos destinatarios dos programas que desenvolvemos cada ano teñen residencia en Venezuela”.

Galegas e galegos en Venezuela
A entidade que preside Fajín foi creada hai 37 anos, co obxecto, segundo rezan os seus estatutos, de “agrupar aos galegos e simpatizantes da cultura, costumes e espírito galegos, para fomentar entre os seus membros actividades culturais, artísticas, recreativas, deportivas e sociais, proporcionando espallamento que facilite a unión, a fraternidade e a irmandade”. Conta na actualidade cunhas 2.200 persoas asociadas, das que máis da metade son galegos e galegas. Posúe unha sede nesa cidade de Venezuela con aproximadamente 70.000 metros cadrados de terreo, con canchas de tenis, frontón, fútbol, béisbol, ‘caney’ de bolas crioulas, salóns de reunión e celebracións, piscina olímpica e recreativa, gardería, perruquería, ximnasio, e servizos de restauración, entre outros.

Segundo os datos do INE a 1 de xaneiro de 2016, en Venezuela residen 46.095 galegas e galegos, dos que 2 de cada 3 (un total de 29.684, o 64’39 %) naceron xa na diáspora.

1664 lecturas