Miranda realiza unha visita á Municipalidade e Centro Galego de Campana, e confirma a celebración dunha segunda edición do ‘Bos Aires celebra Galicia’

O secretario xeral da Emigración trasladará ao IGAPE a dispoñibilidade da axencia arxentina da rexión de Campana encargada do desenvolvemento industrial para a colaboración en materia do subsector auxiliar automobilístico. 

  • Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, co subsecretario de Dereitos Humanos e Pluralismo Cultural do Goberno da Cidade de Bos Aires, Claudio Avruj
    Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, co subsecretario de Dereitos Humanos e Pluralismo Cultural do Goberno da Cidade de Bos Aires, Claudio Avruj
  • Avruj (na imaxe, segundo pola esquerda) e Miranda (cuarto) trala reunión mantida por ambos mandatarios
    Avruj (na imaxe, segundo pola esquerda) e Miranda (cuarto) trala reunión mantida por ambos mandatarios
  • O secretario xeral da Emigración tamén cursou visita ao Centro Galego de Campana
    O secretario xeral da Emigración tamén cursou visita ao Centro Galego de Campana
  • Imaxe da xuntanza de Miranda cos e coas representantes das entidades galegas participantes no 'Bos Aires celebra Galicia'
    Imaxe da xuntanza de Miranda cos e coas representantes das entidades galegas participantes no "Bos Aires celebra Galicia"
  • Imaxe da xuntanza de Miranda cos e coas representantes das entidades galegas participantes no 'Bos Aires celebra Galicia'
    Imaxe da xuntanza de Miranda cos e coas representantes das entidades galegas participantes no "Bos Aires celebra Galicia"
  • Imaxe da xuntanza de Miranda cos e coas representantes das entidades galegas participantes no 'Bos Aires celebra Galicia'
    Imaxe da xuntanza de Miranda cos e coas representantes das entidades galegas participantes no "Bos Aires celebra Galicia"
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2014.

Na primeira das xornadas da súa viaxe por Arxentina e Uruguai, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, en compañía da directiva da Unión Federación de Sociedades Galegas na Arxentina, cursou unha visita oficial á Municipalidade de Campana, onde foi recibido polas máximas autoridades locais. Miranda agradeceulles a súa inestimable colaboración para o evento da primeira edición do “Bos Aires celebra Galicia”, pois a institución local arxentina cedeu, para súa exhibición, o primeiro coche construído integramente naquel país, polo emigrante galego Manuel Iglesias, que dá nome ao museo local.

A intendente de Campana trasladou ao alto cargo galego a intención de valorar con máxima atención e cariño a posibilidade, precisamente, de trasladar temporalmente o vehículo ata a Galicia territorial, e concretamente ata Vila de Cruces, concello do que era orixinario Iglesias, e que está irmandado con Campana.

Ademais, e debido a que este municipio arxentino está considerado oficialmente “berce do automóbil nacional”, ao seu redor tense desenvolvido unha importante rede de industrias auxiliares do sector, e mesmo teñen radicadas cadansúa fábrica dúas marcas automobilísticas orientais. Asemade, Campana rexistra un importante tráfico portuario, relacionado de maneira moi maioritaria co mesmo sector, e as súas institucións participan activamente na axencia, de participación pública e privada, que se encarga de explorar e explotar tódalas posibilidades industriais.

Todos estes elementos fan que sexa moi elevado o paralelismo co traballo desenvolvido polo Clúster do Automóbil e polo IGAPE (Instituto de Promoción Económica de Galicia), ambos organismos dependentes da Consellería de Industria e Comercio, na comarca de Vigo. Tanto o secretario xeral da Emigración como a intendente de Campana comprometéronse a xestionar un posterior contacto entre os responsables da axencia arxentina e o instituto galego para estudar as posibilidades de intercambio e colaboración.

Centro Galego
Miranda visitou tamén a única colectividade galega existente na Municipalidade, o Centro Galego de Campana, ao que están asociadas máis de 200 persoas, e que ocupa unha cuadra (mazá) enteira do rueiro da cidade. Trátase do primeiro contacto institucional entre o secretario xeral da Emigración e esta comunidade, que coincidiu coa celebración da festa de final de curso, de multitudinaria participación.

Bos Aires
Xa de volta na capital porteña, Miranda mantivo unha xuntanza de traballo co subsecretario de Dereitos Humanos e Pluralismo Cultural do Goberno da Cidade de Bos Aires, Claudio Avruj, quen confirmou a total dispoñibilidade da súa institución para a posta en marcha da segunda edición do ‘Bos Aires celebra Galicia’, aínda sen data fixa pechada.

O secretario xeral transmitiu a Avruj o agradecemento da Xunta, e de tódalas colectividades galegas presentes na Arxentina, pola boa disposición do Goberno porteño, “sen o que tería sido imposible o éxito da primeira convocatoria, que demostrou a fortaleza da diáspora galega cando traballa  conxuntamente”, segundo as declaracións do propio Rodríguez Miranda.

Trala reunión con Avruj -na que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, e mailo conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada española na Arxentina, Santiago Camba-, o secretario xeral da Emigración compartiu con máis de medio centenar de directivos e directivas de comunidades galegas na Arxentina unha xornada de análise sobre a primeira edición do ‘Bos Aires celebra Galicia’.

Ademais de destacar a boa coordinación e colaboración entre as e os participantes, foron expostas diversas producións audiovisuais sobre o evento, e Rodríguez Miranda fixo partícipe ás persoas presentes da boa nova da confirmación, por parte das autoridades locais, da celebración dunha segunda edición.

Tamén lles transmitiu, finalmente, o saúdo do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os seus parabéns polo traballo realizado, ao tempo que lles anunciaba o seu elevado interese por estar presente na segunda edición, toda vez que cuestións de axenda impedíranlle participar na primeira.

Xa en Uruguai
A axenda de Miranda concluíu o venres en Montevideo, onde en primeiro termo realizou a entrega das ‘compostelas’ (acreditacións oficiais de ter realizado o Camiño de Santiago) aos rapazas e rapaces uruguaios que participaron na edición deste ano do programa ‘Conecta con Galicia’, da Secretaría Xeral da Emigración. Cómpre salientar que as compostelas se entregan fóra de Santiago unicamente a mozas e mozos da diáspora integrantes desta iniciativa.

Despois, contra a noite, Miranda acudiu, en representación do Presidente Feijóo, á gala de celebración dos 25 anos de AEGU (Asociación de Empresarios Galegos no Uruguai), evento co que rematou esta nova viaxe polos dous países de América que concentran ao 40% das e dos residentes galegos no Exterior.

Outras novas sobre a viaxe nos medios da emigración:

1232 lecturas