Miranda reafirma ante o presidente da FEVEGA o firme compromiso da Xunta cos galegos en Venezuela e retornados

O secretario xeral da Emigración analiza con Pérez Vidal os diferentes mecanismos para achegar o incremento de 600.000 euros para os galegos de Venezuela 

Máis de 200 familias galegas dese país terán unha axuda para o seu retorno á terra

Miranda reafirma ante o presidente da FEVEGA o firme compromiso da Xunta cos galegos en Venezuela e retornados
Miranda reafirma ante o presidente da FEVEGA o firme compromiso da Xunta cos galegos en Venezuela e retornados
Santiago, 10 de xullo de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda,  reuniuse con Manuel Pérez Vidal, presidente da Federación Venezolana de Galicia (FEVEGA), entidade que agrupa a boa parte dos galegos e galegas que volveron á terra desde esa república americana, e a quen trasladou o “firme compromiso de colaboración e axuda” da Xunta cos retornados, e cos paisanos que aínda residen no país.

Miranda recordou que, ademais dos 600.000 euros anuais que Emigración destina para axudar ás comunidades e individuos galegos en Venezuela -especialmente a aqueles en situación de maior precariedade-, o acordo adoptado a pasada semana en Consello polo Goberno galego duplicou esa cantidade.

Con esta nova remesa económica, o Goberno galego axuda ás familias galegas residentes no país e asísteos no seu retorno á terra: “Estamos a traballar en diferentes mecanismos para paliar as consecuencias desta situación de crecente inestabilidade e tensión, para que as e os nosos paisanos sintan o respaldo e calor de toda Galicia”, asegurou Miranda.

O secretario xeral recordou ademais que boa parte do investimento social que a Xunta destina aos galegos e galegas de Venezuela faise efectivo sobre o terreo grazas á axuda das propias comunidades galegas asentadas no país: “Elas son os nosos ollos para detectar as situacións delicadas que necesitan da nosa axuda, e as nosas mans para facer efectiva a solidariedade do pobo galego cos paisanos que están a atravesar este duro momento”, dixo.

Ao longo deste ano 2017, a Secretaría Xeral da Emigración ten recibido 200 solicitudes de axudas para o retorno de familias galegas residentes en Venezuela en situacións de dificultade, que supoñen o 75 por cento do total (267) das que ata o de agora se recibiron. A ampliación orzamentaria antes referida posibilitará que se atenderán axiña na medida en que vaian cumprindo polos beneficiarios os requirimentos da correspondente convocatoria. Cómpre salientar ademais que estas dúas liñas de axuda están aínda en prazo de seren solicitadas.

650 lecturas