Miranda promove en Venezuela as liñas que desenvolve a Xunta para o fomento do retorno

Dadas as especiais circunstancias polas que atravesa o país, o secretario xeral da Emigración involúcrase persoalmente na difusión e promoción das iniciativas de axuda ao regreso á terra.

Entre elas, adiantou os eixos fundamentais das ‘Becas Excelencia Mocidade Exterior’, coas que se busca captar o talento da xuventude na diáspora.

Tamén en Valencia, asinou un acordo de colaboración coa Hermandad Gallega para o benestar integral das persoas maiores e das súas familias.

  • O secretario xeral da Emigración presentou un adianto das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’ e as outras dúas liñas de apoio ao retorno que desenvolve especificamente o seu departamento
    O secretario xeral da Emigración presentou un adianto das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’ e as outras dúas liñas de apoio ao retorno que desenvolve especificamente o seu departamento
  • O secretario xeral da Emigración presentou un adianto das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’ e as outras dúas liñas de apoio ao retorno que desenvolve especificamente o seu departamento
    O secretario xeral da Emigración presentou un adianto das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’ e as outras dúas liñas de apoio ao retorno que desenvolve especificamente o seu departamento
  • O secretario xeral asinou un acordo de colaboración coa Hermandad Gallega para o benestar integral das persoas maiores e das súas familias
    O secretario xeral asinou un acordo de colaboración coa Hermandad Gallega para o benestar integral das persoas maiores e das súas familias
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, comezou en Valencia a súa nova viaxe por Venezuela para renovar o seu coñecemento, de primeira man, da realidade e actualidade da situación que atravesa o país, e especialmente a das comunidades galegas residentes no mesmo.

Segundo os últimos datos do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro do INE a 1 de xaneiro de 2016, residen en Venezuela un total de 46.095 galegas e galegos, dos cales 29.684 (un 64’4 por cento) naceron xa na diáspora. A elas e eles ten enfocado unha especial atención e asistencia a Administración galega desde que comezara a escaseza nas subministracións e outras eivas sociais.

Comeza Miranda a súa nova viaxe a Venezuela en Valencia, onde visitou a socias e socios, e instalacións, da Hermandad Gallega de Valencia, e asinou un acordo de colaboración en materia social e asistencial, que ten por obxecto atender as necesidades básicas das cidadás e os cidadáns galegos maiores residentes na zona e que, por razóns de idade, estado físico ou situación de carencia, teñan problemas de autonomía persoal, e que está dotado con 20.000 euros.

Mercé ao acordo, a comunidade galega comprométese a promover o benestar integral das e dos maiores e das súas familias, favorecendo a súa integración, participación e relación co medio social, desenvolvendo actividades de estimulación e prevención e ofertando, entre outros servizos, atención social individualizada a través da figura dun traballador social; atención alimenticia, a través de comedor subvencionado, axustándose ás necesidades dietéticas persoais, en coordinación co médico xeriatra e o nutricionista; atención á saúde a través dun servizo médico situado nas instalacións do centro; e atención integral mediante rehabilitación e estimulación física, cognitiva e relacional, charlas e conferencias sobre a saúde na persoa maior, servizo de dinámicas socio culturais, e xornadas médicas preventivas.

A Hermandad comprométese asemade a dotar ao centro de día do equipamento e persoal especializado necesario para o seu correcto funcionamento, e a informar periodicamente á Secretaría Xeral da Emigración sobre os resultados sociais desta iniciativa.

Retorno e captación do talento exterior
Ademais de asinar o mencionado acordo, Miranda mantivo un encontro con socias e socios da entidade, e a súa directiva, e presentou un adianto das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, iniciativa pioneira que neste ano se porá en marcha, e que ten por obxecto facilitar que os galegos e galegas e descendentes, residentes no estranxeiro e cun bo expediente académico, poidan realizar mestrados nalgunha das tres universidades galegas, o cal lles dea acceso ao mercado laboral galego. Trátase de captar o talento galego espallado polo mundo para que contribúa co seu retorno á innovación en coñecementos, e á fixación da poboación na Galicia territorial.

O máximo responsable autonómico en materia de Emigración tamén presentou as outras dúas liñas de apoio ao retorno que desenvolve especificamente o seu departamento. Por unha banda, as axudas de carácter asistencial, que unicamente se outorgan unha vez, e cuxo destino son os gastos e continxencias sobrevidas do propio retorno. E, por outra, as Axudas ao Retorno Emprendedor, que poden sumarse a outras subvencións públicas e privadas, e que ata o de agora teñen axudado xa a medio centenar de iniciativas empresariais desenvolvidas por retornados a se implantaren no territorio galego. En ambos casos, a porcentaxe de persoas beneficiarias regresadas desde Venezuela é a maior de entre tódolos países da diáspora.

Con este tipo de presentacións directas ante a diáspora, o secretario xeral involúcrase na difusión e promoción das tres liñas de axuda a retorno postas en marcha polo seu departamento, e que son compatibles coas que levan a cabo outras administracións e entidades. Debido á especial situación que vive o país, especialmente no caso de Venezuela é interese máximo do Goberno galego facilitar o regreso á terra a todas aquelas persoas que así o desexen.

Xoves e venres
O secretario xeral desprazarase, hoxe xoves, ata Caracas, onde visitará a Hermandad Gallega de Caracas. Ademais de saudar a socias e socios e visitar as instalacións, asinará dous acordos de colaboración coa entidade, e de novo avanzará o programa de ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’. Tamén disertará sobre os outros programas de axuda ao retorno, e fará entrega de cadansúa compostela aos mozos e mozas residentes en Caracas que fixeron en 2016 o Camiño de Santiago ao abeiro do programa ‘Conecta con Galicia’.

A axenda en Caracas de Miranda pecharase mañá venres cunha visita ao Colexio Castelao, a sinatura dun novo acordo de colaboración coa Fundación España Salud para asistencia cidadás e cidadáns galegos en situación de dependencia, e unha visita ao Fogar San José, que atende a un destacado número de galegos e galegas na capital venezolana.

2375 lecturas