Miranda presidiu a entrega dos “Pratos de Ouro” e Medallas de Ouro de Radioturismo en Xantar

Trátase dun galardón que recoñece o labor de destacados e destacadas profesionais da restauración e a hostalería rural de Galicia, e, nesta ocasión, tamén de Asturias.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2014.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu a entrega dos premios “Pratos de Ouro” á restauración e hostalería rural de Galicia, que cada ano concede Radioturismo, e que este ano fixo coincidir coa celebración da Feira Gastronómica e Turística “Xantar”, de Ourense. De maneira excepcional, nesta ocasión entregáronse tamén galardóns a establecementos do Principado de Asturias, comunidade autónoma invitada nesta edición.

Os establecementos galardoados foron cinco restaurantes de Ourense, Burela, Oviedo, O Grove, e Ribadesella, e dúas casas rurais de Cervo e Piñor de Cea. O Premio Especial recaeu na Festa do Polbo do Carballiño, polo seu labor de proxección internacional da gastronomía galega. Igualmente, entregáronse diversas medallas de ouro a personalidades que, ao longo do ano, teñen traballado na promoción e difusión da gastronomía e o turismo de Galicia e España.

Rodríguez Miranda, despois da entrega dos galardóns, pechou o acto agradecendo á entidade organizadora, así como ás autoridades nacionais, autonómicas e locais presentes “o seu esforzo na mellora da proxección internacional de Galicia e de España”. Tras felicitar ás e aos premiados, instoulles a continuar traballando na procura permanente da calidade e o bo facer, coa finalidade de axudar á proxección internacional da nosa terra: “Os meus parabéns por este premio, por este merecido fito, por este xusto trunfo. Pero non creades que o camiño está acabado, porque non fixo máis xa comezar. Pídovos que, por Galicia e España, traballedes aínda con máis brío. Que estes Pratos de Ouro sexan alicerce de novos éxitos”, afirmou Miranda.

Canda o secretario xeral da Emigración, atopábanse o director territorial de Comercio e de ICEX España Exportación e Inversiones (dependente do Ministerio de Economía e Competitividade), Alberto Santamaría; os delegados da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e en Ourense, Rogelio Martínez; o vicepresidente da Deputación Provincial ourensá, Rosendo Fernández; o tenente de alcalde da vila, José Ángel Vázquez; o presidente da Federación Provincial de Hostalería, Ovidio Fernández Ojea; o director de Xantar, Alejandro Rubín; e mailo seu homólogo de Radioturismo, Juan Madrigal.

Cuba en ‘Xantar’
Esta XV edición do Salón Internacional de Gastronomía e Turismo ´Xantar’ tivo este ano a Cuba como país invitado. A illa estivo representada na súa parte gastronómica polo restaurante da Sociedade Cultural Rosalía de Castro da Habana. Esta Sociedade é unha das cinco comunidades galegas presentes na capital cubana que posúen local público destinado á restauración. As outras catro son a Sociedade Estudantil Concepción Arenal, a Agrupación Artística Galega, Asociación Naturais de Ortigueira Sociedade Española de Beneficencia e Protección Mutua, e a Sociedade A Aurora de Somozas.

Con esta presenza en Xantar, as comunidades galegas no Exterior foron protagonistas en tan destacado evento gastronómico. Cómpre destacar o feito de que as entidades galegas poden así representar ao seu país de asentamento, mostra da súa capacidade de inserción. Asemade, supón unha honra para os cubanos e as cubanas de orixe galega poder presentar o país no que viven ante a sociedade actual galega. Dáse tamén continuidade ao traballo iniciado no pasado mes de decembro na viaxe á illa do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no sentido de afondar nas relacións entre Cuba e Galicia.

469 lecturas