Miranda presenta o Plan Integral de Emigración 2014-2016, dotado con máis de 25 millóns de euros, ante o Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior

O secretario xeral agradeceu ao Goberno Central a sensibilidade amosada cara as persoas emigrantes retornadas, ás que se lles está a retirar as sancións polo impago de determinadas cargas tributarias.

Tamén instou a buscar o maior consenso posible para a reforma do voto exterior, de maneira que se facilite o dereito ao sufraxio das cidadás e dos cidadáns con residencia fóra do país nas mesmas condicións que aqueles e aquelas que teñen o seu enderezo no interior.

  • O secretario xeral agradeceu ao Goberno Central a sensibilidade amosada cara as persoas emigrantes retornadas, ás que se lles está a retirar as sancións polo impago de determinadas cargas tributarias
    O secretario xeral agradeceu ao Goberno Central a sensibilidade amosada cara as persoas emigrantes retornadas, ás que se lles está a retirar as sancións polo impago de determinadas cargas tributarias
  • O secretario xeral agradeceu ao Goberno Central a sensibilidade amosada cara as persoas emigrantes retornadas, ás que se lles está a retirar as sancións polo impago de determinadas cargas tributarias
    O secretario xeral agradeceu ao Goberno Central a sensibilidade amosada cara as persoas emigrantes retornadas, ás que se lles está a retirar as sancións polo impago de determinadas cargas tributarias
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2014.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asiste ao III plenario do VI Mandato do Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior, que ten lugar hoxe e mañá en Madrid, coa participación das e dos representantes das Comunidades Autónomas con responsabilidade nesta materia, e mailos máximos cargos no Ministerio de Empleo y Seguridad Social.

Ante o resto de mandatarios e mandatarias responsables en materia de Emigración, Rodríguez Miranda expuxo o Plan Integral de Emigración 2014-2016, dotado con 25.351.000 euros, e polo que o Goberno galego comprométese a garantir a necesaria atención, asistencia e protección da cidadanía galega residentes no exterior, especialmente daquelas e aqueles en situacións de maior precariedade. Como soporte necesario para esta acción do Goberno, o Plan incentiva a evolución das entidades galegas, de acordo coa Lei de Galeguidade, para a modernización na prestación de servizos, orientándoos ás necesidades actuais da diáspora.

Asemade, o Plan contempla o papel das Comunidades Galegas do Exterior como apoio fundamental para a proxección exterior de Galicia, así como a intensificación no apoio ao proceso de maior protagonismo da muller e a mocidade no ámbito da Galeguidade.

A protección do patrimonio histórico, cultural e documental da Galeguidade en todo o mundo pasa a configurar asemade un obxectivo relevante da acción de goberno, como tamén o fomento do retorno, incentivando iniciativas para a transferencia dos coñecementos e experiencias á Galicia territorial.

“Galicia, nacionalidade histórica que sempre amosou a súa lealdade e vontade de colaboración co Estado español, ten asumido o papel que as comunidades e entidades galegas teñen como representantes da ‘diplomacia pública’ galega. Ninguén mellor que os nosos cidadáns no Exterior para transmitiren os nosos valores e potencialidades ás sociedades e estados que os acollen”, afirmou Rodríguez Miranda.

Persoas retornadas
Na súa intervención, o secretario xeral da Emigración agradeceu que o Goberno Central asumise as teses defendidas polo Executivo galego en dous asuntos de actualidade. Por unha banda, que a Axencia Tributaria retirase as sancións ás e aos emigrantes retornados que, ao omitiren ingresos provenientes do Exterior, incorreron en falta administrativa.

A este respecto, Miranda asegurou que “sen pór en dúbida a obriga que o conxunto dos españois temos de achegar, proporcionalmente ás nosas rendas, á riqueza nacional, si destacamos –ante a falta de afán defraudatorio deste colectivo- a condonación por Lei, dos recargos, intereses e sancións que ata o momento afectaban a estes cidadáns”.

Reforma do voto
Finalmente, o responsable da Xunta en materia de Emigración lembrou que “Galicia ten a case o 16% do seu electorado residindo no estranxeiro” para solicitar, una vez máis, a reforma do voto exterior na liña defendida polo Parlamento autonómico de que se garanta en igualdade de condicións respecto das e dos residentes no territorio nacional.

Miranda lembrou que “máis de 1.765.000 españois están demandando unha reforma que consolide os seus dereitos de participación electoral e facilite o seu exercicio coas mesmas garantías que o resto dos seus concidadáns”. Esta cidadanía exterior, segundo Miranda, “ten amosado sempre o seu interese por manter vínculos sociais, familiares, culturais e económicos coa súa terra natal ou a dos seus pais. É o momento de dar unha solución acaída e integradora a este afán de seguir dando mostra do seu sentir como galegos e españois tamén na elección dos seus representantes nas Cortes Xerais e nos parlamentos autonómicos e europeo”.

903 lecturas