Miranda plantexa o retorno como unha oportunidade para superar o reto demográfico, e pide a implicación do Goberno español

O secretario xeral da Emigración expuxo a experiencia que está a iniciar Galicia a través da Estratexia Retorna 2020. 

Insistiu na necesidade de revisar o sistema de voto no exterior e a concesión da nacionalidade española. 

O responsable autonómico galego retirou a urxencia de que o Goberno do Estado busque unha solución para as e os pensionistas de Venezuela que non reciben ingresos do Goberno do seu país.

  • O secretario xeral da Emigración interveu hoxe no pleno do Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior
    O secretario xeral da Emigración interveu hoxe no pleno do Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior
  • Na imaxe, o secretario xeral da Emigración coas e cos consejeros de orixe galega do CGCEE dos distintos países do mundo
    Na imaxe, o secretario xeral da Emigración coas e cos consejeros de orixe galega do CGCEE dos distintos países do mundo
  • O secretario xeral da Emigración interveu hoxe no pleno do Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior
    O secretario xeral da Emigración interveu hoxe no pleno do Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior
  • O secretario xeral da Emigración interveu hoxe no pleno do Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior
    O secretario xeral da Emigración interveu hoxe no pleno do Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, salientou hoxe no pleno do Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior (CGCEE), que arrancou onte en Madrid, a importancia que o retorno ten para España á hora de superar o complexo reto demográfico ao que se enfronta. A oportunidade que representan os dous millóns e medio de españois e españolas que residen fóra das nosas fronteiras nestes momentos, dos que máis dun millón teñen menos de 45 anos, precisa de políticas orientadas a facilitar o seu regreso a través de medidas que, como a Estratexia Retorna 2020, aprobada o pasado mes de abril polo Goberno galego, aborden a cuestión desde todos os eixos. A educación, o acceso ao mercado laboral e ao emprendemento, as oportunidades profesionais, as necesidades básicas para facer fronte aos primeiros gastos derivados da volta, o acceso á vivenda e a recuperación do talento investigador son as áreas que pretende satisfacer o documento deseñado pola Xunta de Galicia e artellado a través de máis de medio cento de medidas.

“A práctica totalidade destas iniciativas son facilmente exportables a outros ámbitos da xeografía española, pero para lograr os seus obxectivos (o retorno de máis de 20.000 galegos, dos que 12.000 se pretende que sexan menores de 45 anos ata o 2020, no caso da comunidade galega) é imprescindible a colaboración da Administración estatal, coa que xa se mantiveron varias reunións de cara a unha necesaria cooperación”, sinalou Miranda. “O labor de información e asesoramento ás cada vez máis numerosas parellas mixtas, formadas por un galego ou descendente de galego retornado e un estranxeiro sen nacionalidade española é un dos puntos clave á hora de planificar o regreso dos españois do exterior á súa terra de orixe”, engadiu o responsable galego.

Revisións necesarias
A revisión do sistema electoral para as cidadás e os cidadáns españois no exterior centrou o segundo eixo en torno ao que xirou a intervención de Antonio Rodríguez Miranda, quen insistiu na necesidade de eliminar o voto rogado para os electores e electoras residentes no estranxeiro nos procesos electorais no Estado español, nos que teñen dereito a participar. “A postura de Galicia está clara, tena explicitamente manifestada o propio presidente da Xunta dentro e fóra da comunidade de xeito reiterado, e é o mandato manifestado polo Parlamento de Galicia e que traslado aos representantes dos españois no exterior”, afirmou o representante autonómico.

O secretario xeral da Emigración puxo o foco, así mesmo, na necesidade de revisar a normativa para modificar aqueles supostos en que, como consecuencia da aplicación da Lei de Memoria Histórica, se produciu unha situación de discriminación ou agravio comparativo no acceso á nacionalidade, nomeadamente os casos de descendentes de españois e españolas que non puideron acceder á nacionalidade por motivo de xénero ou idade, resume a proposta apoiada polo responsable galego. 

Miranda urxiu, ademais, ao Goberno central a buscar unha solución para as e os pensionistas que levan preto de tres anos sen percibir a pensión do Goberno venezolano que lles corresponde. O responsable autonómico demandou ao Estado que “flexibilice o acceso ás pensións non contributivas, tendo en conta os ingresos realmente recibidos, e non o dereito a unha pensión que non se fai efectiva, doutrina esta xa reiterada polas sentenzas dos distintos xulgados e tribunais”. “Ademais, coa eliminación do tipo protexido DIPRO e o establecemento como sistema cambiario único ao tipo de flotación DICOM, as pensións pasan a ser de non máis de 50 euros”, concluíu.

265 lecturas