Miranda pide a colaboración das institucións españolas no exterior para difundir a Estratexia Retorna 2020

O secretario xeral da Emigración reuniuse cos conselleiros de Empleo y Seguridad Social e de Educación en Alemaña.

Berlín acolleu a primeira sesión informativa impartida polo responsable autonómico sobre as medidas de fomento do retorno.

  • O secretario xeral da Emigración (á esquerda) e o conselleiro de Empleo y Seguridad Social da Embaixada de España en Alemaña, durante a reunión celebrada en Berlín
    O secretario xeral da Emigración (á esquerda) e o conselleiro de Empleo y Seguridad Social da Embaixada de España en Alemaña, durante a reunión celebrada en Berlín
  • Antonio Rodríguez Miranda e Irune Itarribel Irulegui, conselleira de Educación da Embaixada de España en Alemaña, durante a reunión celebrada en Berlín
    Antonio Rodríguez Miranda e Irune Itarribel Irulegui, conselleira de Educación da Embaixada de España en Alemaña, durante a reunión celebrada en Berlín
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, solicitou onte a colaboración das distintas institucións e organismos españois no estranxeiro para difundir as máis de medio cento de medidas incluídas na Estratexia Retorna 2020, que vén de aprobar o Consello da Xunta. O documento centrou gran parte da reunión que o responsable autonómico mantivo pola mañá con conselleiro de Empleo y Seguridad Social da Embaixada de España en Alemaña, Ricardo Fernández Fidalgo, e, a continuación, coa titular de Educación, Irune Itarribel Irulegui.

Ambos representantes do Estado español recibiron información de primeira man sobre a Estratexia Retorna 2020, que inclúe incentivos de diferentes departamentos do Goberno galego para fomentar o regreso a Galicia tanto de emigrantes como das e dos seus descendentes, e comprometéronse a colaborar na súa divulgación. A proposta transversal da Xunta complementa, ademais, outras medidas educativas deseñadas especificamente para os españois e as españolas no exterior, como o programa Aulas de Lengua y Cultura Españolas (ALCE), cuxo obxectivo é a atención, en réxime de clases complementarias, daqueles alumnos e alumnas que non poidan acceder a estes ensinos no sistema educativo alemán.

Charla informativa
Miranda dedicou a tarde a ofrecer unha sesión informativa sobre a Estratexia Retorna 2020 aos galegos e galegas residentes en Berlín, a capital dun dos países europeos con maior volume de poboación galega. Só no territorio teutón viven 17.227 cidadás e cidadáns galegos dos 109.399 que hai en todo o continente. Do total alemán, case a metade, 8.183, naceron en Galicia e emigraron, mentres o resto foron nadas e nados xa no estranxeiro.

Por outra banda, 14.128 das e dos 17.227 galegas e galegos que residen en Alemaña (e que inclúen tanto ás galegas e galegos nacidos en Galicia e emigrados como ás e aos seus descendentes), é dicir, o 82% do total, teñen menos de 64 anos.

Axenda de fin de semana
O secretario xeral da Emigración continuará a súa axenda europea con dúas novas charlas informativas sobre a Estratexia Retorna 2020 en Núremberg e Londres, mentres o subdirector xeral de Xestión Económico-Administrativa e Retorno, José Carlos García Bouzas, encargarase de divulgar toda a información correspondente a este máis de medio cento de medidas en Xenebra logo de pasar por París e Bonn.

114 lecturas