Miranda mantivo un encontro cos e coas representantes das entidades e asociacións galegas en Madrid

O secretario xeral da Emigración asistiu asemade á presentación en FITUR da XV edición de Xantar, que terá a Cuba como país invitado, estando representado na parte gastronómica polo restaurante do centro galego Sociedade Cultural Rosalía de Castro da Habana.

  • O secretario xeral da Emigración durante a súa xuntanza con representantes de catorce entidades galegas da capital de España
    O secretario xeral da Emigración durante a súa xuntanza con representantes de catorce entidades galegas da capital de España
  • Miranda presentoulles aos directivos e directivas das entidades galegas de Madrid as liñas de actuación de Emigración para 2014
    Miranda presentoulles aos directivos e directivas das entidades galegas de Madrid as liñas de actuación de Emigración para 2014
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo un encontro de traballo na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia cos e coas representantes de catorce asociacións e entidades galegas con sede na capital española.

Miranda repasou a actualidade e proxectos de futuro da diáspora galega en Madrid con directivos e directivas da Casa Galega de Fuenlabrada, Centro Galego de Madrid, Asociación Cultural da Vieira, Grupo Cultural Galicia en Madrid, Xuntanza de Galegos en Alcobendas, (cuxo presidente o é tamén da Federación de Asociacións Galegas en Madrid), Asociación Galega Corredor do Henares, Centro Galego da Serra de Madrid, Centro Galego de Móstoles, Centro Galego Noroeste de Madrid, Asociación de Xuristas Galegos en Madrid, Centro Cultural Lembranzas, Centro Galego de Tres Cantos, Asociación de Empresarios Galegos en Madrid, e Club de Xornalistas Galegos en Madrid.

O acto é reflexo da vontade do secretario xeral da Emigración de manter xuntanzas regulares coas directivas das comunidades galegas residentes na capital española, coa finalidade de escoitar as súas reflexións e suxestións, e presentarlles as liñas de actuación da Secretaría para este ano.

Ademais, a experiencia e perspectiva dos galegos e galegas residentes en Madrid poden servir como puntos de referencia importantes no artellamento de liñas de promoción de Galicia, e dos seus produtos e servizos, así como para enriquecer as accións de Emigración.

Cuba en ‘Xantar’
Antes da xuntanza, Miranda visitou a Feira Internacional de Turismo, principal evento anual nesta materia, que ten lugar estes días en Madrid. Alí, achegouse ata a presentación de ‘Xantar, XV Salón Internacional de Gastronomía e Turismo’, que se celebrará entre o 5 e o 9 de febreiro en Ourense, e que este ano ten a Cuba como país invitado. A illa estará representada na súa parte gastronómica polo restaurante da Sociedade Cultural Rosalía de Castro da Habana.

Esta Sociedade é unha das cinco comunidades galegas presentes na capital cubana que posúen local público destinado á restauración. As outras catro son a Sociedade Estudantil Concepción Arenal, a Agrupación Artística Galega, Asociación Naturais de Ortigueira Sociedade Española de Beneficencia e Protección Mutua, e a Sociedade A Aurora de Somozas.

Con esta presenza en Xantar, as comunidades galegas no Exterior teñen presenza en tan destacado evento gastronómico, e dáse continuidade ao traballo iniciado no pasado mes de decembro na viaxe á illa do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no sentido de afondar nas relacións entre Cuba e Galicia.

Ademais de acudir a esta presentación, Miranda acudiu á dos ‘Novos Soportes de Información’ e ‘Presentación do Producto Turístico 2014’ do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, e tamén se achegou ata a da iniciativa turística ‘Portas de Galicia: Verín-Viana. Un Destino para os teus sentidos’.

815 lecturas