Miranda invita á mocidade galega en México a “participar activamente na vida presente e futura” da súa terra de orixe

O secretario xeral da Emigración presentou no país azteca as ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’ e destacou a “importante oportunidade de proxección” económica e demográfica que supoñen as segundas xeracións na diáspora.

  • O secretario xeral da Emigración presentou no país azteca as ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’
    O secretario xeral da Emigración presentou no país azteca as ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’
  • O secretario xeral da Emigración presentou no país azteca as ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’
    O secretario xeral da Emigración presentou no país azteca as ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2017.

Dando continuidade a experiencias similares xa desenvolvidas en Arxentina, Uruguai, Venezuela e Cuba, o secretario xeral da Emigración presentou á mocidade galega en México as novas ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’. Desta maneira, Antonio Rodríguez Miranda dá pulo persoal a esta nova iniciativa do Goberno galego, que fai posible que cen tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao ou similar, podan cursar estudos de máster nalgunha das tres universidades galegas.

Miranda mantivo previamente un encontro directo cos mozos e mozas que compoñen os grupos folclóricos do Centro Galego de México, dos que puido coñecer as inquedanzas e suxestións das segundas xeracións de galegas e galegos na diáspora. “É o noso obxectivo prioritario achegarnos a estas segundas xeracións, porque para nós, como país, supoñen un activo fundamental, unha importante oportunidade para a proxección internacional de Galicia, desde o punto de vista económico e turístico, pero tamén demográfico”, sinalou o secretario xeral, quen invitou ás e aos seus interlocutores “a participar activamente na vida presente e futura de Galicia, esa terra afastada xeograficamente pero que -sabémolo moi ben tódolos galegos- levades no corazón e está presente no voso día a día”.

Estes mozas e mozos ensinaron a Miranda o seu labor no aspecto de mantemento da cultura e folclore galegos, amosándolle parte do último ensaio previo á súa actuación na Festa Campestre do Primeiro de Maio, unha das grandes celebracións da Galeguidade no mundo, e que cada ano organiza o Centro Galego de México, que preside Florencio Gulías.

Galegas e galegos en México
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2017, residen arestora nos Estados Unidos de México un total de 13.808 galegas e galegos, dos que 10.643 (é dicir, o 77’08 por cento) naceron xa na diáspora. A comunidade galega é unha das máis activas e socialmente relevantes na sociedade de recepción, e entre as e os seus membros cóntanse figuras moi influíntes dos ámbitos educativos e empresariais.

 

1810 lecturas