Miranda interésase pola situación da colectividade galega residente en Barquisimeto, a cuarta cidade máis poboada de Venezuela

O secretario xeral da Emigración reuniuse coa cónsul honoraria na rexión, Daría González.

O responsable autonómico insistiu na necesidade de colaboración para detectar os casos de necesidade máis urxentes.

Daría González e Antonio Rodríguez Miranda, durante a reunión celebrada no despacho deste en Compostela
Daría González e Antonio Rodríguez Miranda, durante a reunión celebrada no despacho deste en Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, interesouse pola situación da colectividade de galegas e galegos residentes en Barquisimeto, a cuarta cidade máis poboada de Venezuela tras Caracas, Maracaibo e Valencia. O responsable autonómico mantivo unha reunión en Santiago coa cónsul da área de influencia da capital do estado de Lara, Daría González, para coñecer as necesidades máis urxentes das e dos galegos que viven na rexión.

Miranda salientou o papel fundamental que desenvolven as e os representantes do Goberno español no estranxeiro, e especialmente nos países que acollen maior número de cidadás e cidadáns galegos, así como as entidades de galegas e galegos residentes no exterior, á hora de axudar a detectar os casos de necesidades máis perentorias. A situación que atravesa Venezuela convértea, ademais, nun dos países que requiren máis atención por parte do Executivo galego, xa que acolle nestes intres 43.975 cidadás e cidadáns galegos, a segunda colectividade española máis numerosa do país trala canaria.

857 lecturas