Miranda inicia unha viaxe a Cuba cun intenso programa que o levará a reunirse con responsables de varias rexións do país

O secretario xeral da Emigración manterá encontros con diplomáticos españois e representantes das agrupacións de galegas e galegos residentes en Cuba.

O cargo autonómico aproveitará a súa estancia para asistir ao capítulo extraordinario da Enxebre Orde da Vieira por mor do 110 aniversario do himno galego.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia hoxe unha intensa viaxe por Cuba que o levará a visitar durante a vindeira semana diferentes puntos da xeografía do país para reunirse con representantes tanto diplomáticos como das agrupacións de galegas e galegos residentes na illa para interesarse polo estado da xestión das axudas e as e os seus destinatarios.

O programa de traballo do responsable do departamento autonómico comezará mañá á mañá coa xuntanza que manterá co embaixador de España na república cubana, Juan José Buitrago, con quen xa mantivo un primeiro encontro na viaxe que realizara á illa o pasado mes de abril. A continuación, ambos participarán nunha reunión con responsables cubanos de Relacións Exteriores en Europa e o de Xustiza. En ambos encontros os representantes institucionais de sendos países aproveitarán para fortalecer as relacións que o Goberno de Galicia mantén co cubano e para ofrecer unha actualización da colaboración entre ambas Administracións.  

Encontro coas sociedades galegas
Rodríguez Miranda participará a continuación no capítulo extraordinario organizado pola Enxebre Orde da Vieira con motivo do 110 aniversario do himno galego, que terá lugar no antigo palacio do Centro Gallego e actual Gran Teatro de de La Habana, e no que se renderá unha homenaxe a José Castro, “Chané”, no centenario do seu pasamento.

O secretario xeral da Emigración continuará o seu percorrido en Santiago de Cuba e Pinar del Río. E reservará o último día da súa viaxe para reunirse, xunto ao embaixador español en Cuba, coas e cos diferentes presidentes das sociedades galegas na illa centroamericana e co máximo responsable da Federación de Sociedades Gallegas en la República de Cuba, Sergio Toledo.

Máis de 7.000 familias con axudas individuais
A Secretaría Xeral da Emigración leva anos especialmente preocupada pola situación dos galegos e as galegas residentes na illa centroamericana. O benestar das e dos emigrantes e as súas familias en Cuba leva sendo unha prioridade para a Xunta de Galicia dende hai varias lexislaturas, e precisamente para garantir as súas necesidades máis básicas o departamento autonómico que dirixe Rodríguez Miranda vén de destinar preto de 1,4 millóns a axudas individuais, que chegaron a 7.012 familias. Cóbrense así as necesidades máis urxentes da meirande parte da poboación galega na illa, formada por máis de 40.000 persoas.  

148 lecturas