Miranda inicia outra viaxe a Venezuela para pulsar en vivo a situación da colectividade galega residente no país

O secretario xeral da Emigración asinará ademais con entidades sociais presentes no país un novo acordo, e dúas addendas, para a atención ás necesidades básicas da poboación galega. 

Estas ampliacións, e outras xa realizadas pola Secretaría Xeral, fan que o seu orzamento destinado este ano concretamente aos galegos e galegas de Venezuela se duplique, pasando de 600.000 a 1.200.000 euros. 

Na imaxe, González entregando o recoñecemento a Miranda
Na imaxe, González entregando o recoñecemento a Miranda
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia unha nova viaxe a Venezuela para pulsar en vivo a actualidade da diáspora galega nese país, e afondar nos posibles camiños que axuden a paliar as situacións de dificultade nas que se atopan -como o resto da cidadanía- as e os galegos alí residentes, agravadas pola crecente tensión social.

Miranda entrevistarase en primeiro lugar co conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España en Venezuela, Santiago Camba, e tamén co propio embaixador, Jesús Silva, e despois reúnese cos presidentes das comunidades galegas de Venezuela. Rematará a súa primeira xornada no país cunha xuntanza coas e cos presidentes das comunidades galegas presentes no país.

Xa na xornada de mañá martes, o titular de Emigración ofrecerá unha charla informativa sobre as axudas da Xunta ás e aos emigrantes residentes en Venezuela, e aos retornados e retornadas a Galicia. Antes, asinará un acordo coa fundación ‘Fundaourense’ para atención a galegos e galegas residentes en Caracas, e tamén dúas addendas aos asinados no seu momento con outras dúas entidades que prestan in situ atención ás cidadás e cidadáns galegos con maiores dificultades, a Hermandad Gallega de Valencia, e a súa homóloga en Caracas.

Recoñecemento da Hermandad
Durante a súa última estadía en Galicia a pasada semana, o presidente da Hermandad Gallega de Venezuela, Roberto González Pérez, entregou ao secretario xeral un recoñecemento, precisamente, polo labor de apoio aos galegos e galegas residentes no país que realiza o departamento que dirixe Miranda.

845 lecturas