Miranda inicia unha nova viaxe a Uruguai e Arxentina, onde asinará acordos en materia asistencial para os galegos e galegas do exterior e asistirá á Feira de Colectividades

O secretario xeral da Emigración manterá ademais contacto cos beneficiarios e beneficiarias en ambos países das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’. 

Tamén participará en celebracións destacadas das colectividades galegas en Bos Aires.

O secretario xeral da Emigración, nunha foto de arquivo
O secretario xeral da Emigración, nunha foto de arquivo
Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia hoxe unha nova viaxe ás repúblicas de Arxentina e Uruguai, para coñecer de primeira man a actualidade que viven galegas e galegos nestes dous países, acompañado en todo momento polo delegado da Xunta en ambos países, Alejandro López Dobarro.

Hoxe xoves, e nada máis aterrar en Bos Aires, Miranda manterá unha xuntanza cos beneficiarios e beneficiarias, residentes ata agora na Arxentina, das primeiras ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, iniciativa novidosa da Secretaría Xeral da Emigración grazas á cal cen galegas e galegos residentes no estranxeiro, titulados universitarios, rematarán a súa formación nalgunha das tres universidades galegas.

Estes rapaces e rapazas, o mesmo que os seus compañeiros e compañeiras residentes noutros países, chegarán a Galicia nas vindeiras semanas para comezar esa formación. O obxectivo é que a Galicia territorial tire proveito dos mellores currículos tamén entre as e os galegos do Exterior, e que, unha vez rematados os seus estudos, fixen a súa residencia na Galicia territorial.

Uruguai
Na xornada de mañá venres, Miranda trasladarase ata Montevideo, onde manterá un encontro co conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada española en Uruguai, Benito Díez, para tratar diversos asuntos vinculados coa ampla colectividade galega residente en Uruguai.

Despois, asinará cadanseu acordo de colaboración en materia social e asistencial coa Asociación Española Primera de Socorros Mutuos, e coa Casa de Galicia, dúas das institucións mutuais de maior importancia no país, e que traballan arreo no mantemento e mellora das condicións de vida das persoas maiores, moitas delas galegas.

Rematará a súa estadía mantendo un novo encontro con mozos e mozas galegos –neste caso os residentes ata agora en Uruguai- beneficiarios das primeiras ‘Becas Excelencia Mocidade Exterior’.

De volta en Bos Aires
Xa durante a fin de semana, o secretario xeral acudirá á procesión marítima da Virxe do Carme, que organiza a Asociación Hijos del Ayuntamiento de Zas, cuxa sede visitará una vez remate a celebración. Trátase da terceira vez que esta popular mostra relixiosa, tan tradicional na cultura galega, ten lugar en Bos Aires.

Miranda manterá despois un encontro co embaixador de España na Arxentina, Francisco Javier Sandomingo, con quen acudirá á Feira de Colectividades, que se celebra en pleno centro da capital e que conta nesta ocasión cun importante protagonismo das colectividades galegas presentes en Bos Aires. Rematará a súa axenda do sábado cunha visita á Asociación Benéfica Cultural Partido de Corcubión.

Finalmente, e xa na xornada do domingo, o alto cargo autonómico presidirá a celebración do 68º aniversario do Centro Gallego de La Plata, e despois a Festa das Dores coa que a Sociedad Parroquial de Vedra celebrará o seu 107º aniversario.

Galegas e galegos en ambos países
Segundo os últimos datos do INE, na Arxentina residen arestora 172.948 paisanas e paisanos, dos cales 129.234 (o 74’72 por cento) naceron xa na diáspora; e no Uruguai, habitan 41.111 galegas e galegos, dos que 32.822 (o 79’84 %) son tamén cidadás e cidadáns galegos nados fóra da Galicia territorial.

518 lecturas