Miranda inicia hoxe a súa primeira visita a Perú e Chile, nunha viaxe que concluirá na Arxentina

O secretario xeral afonda así nos contactos xa encetados entre empresariado peruano e as e os seus colegas galegos.

Na capital chilena, acudirá ao acto de doazón de material, por parte de bombeiros galegos e galegas, á ‘Confederación de Bombas Españolas de Chile’.

  • Miranda, coa colectividade de empresarias e empresarios galegos con negocios no Perú
    Miranda, coa colectividade de empresarias e empresarios galegos con negocios no Perú
  • O secretario xeral da Emigración coas socias e socios do Centro Galego do Perú
    O secretario xeral da Emigración coas socias e socios do Centro Galego do Perú
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia esta noite unha nova viaxe oficial, que nesta ocasión o levará por vez primeira ás repúblicas de Perú e Chile, para rematar a súa andaina na Arxentina, o país que aglutina a terceira parte da diáspora galega.

No primeiro dos países citados, a axenda do secretario xeral ten entre os seus obxectivos o de fornecer os contactos que xa teñen comezado grupos de empresariado galego asentados en Perú e colegas seus da Galicia territorial, coa finalidade de coñecer as posibilidades de negocio que ofrece Perú para as e os exportadores galegos, e Galicia para as e os investidores peruanos. Neste senso, unha das citas da xornada que Miranda pasará en Lima será con empresarias e empresarios galegos naquel país.

Asemade, e como corresponde ao seu cargo, o secretario xeral da Emigración coñecerá o día a día da colectividade galega presente na capital, Lima, a través do contacto e conversa coas socias e cos socios do Centro Español do Perú, no que están integradas as distintas casas rexionais.

En Chile
Xa no venres, a segunda xornada da viaxe levará a Miranda ata Chile, país que tamén visita por vez primeira, onde nada máis aterrar contactará coa comunidade galega presente na capital, Santiago, no Lar Galego de Chile. Nesa mesma xornada, trasladarase ata Valparaíso, onde visitará as instalacións e manterá contacto con socias e socios do Estadio Español desta localidade, coñecendo así de primeira man as experiencias e inquedanzas das galegas e dos galegos residentes na zona de Viña del Mar e do propio Valparaíso.

Na seguinte xornada do sábado, e de volta na capital, o secretario xeral da Emigración asiste ao acto de entrega de doazón de material, por parte de bombeiros galegos e galegas, ás e aos seus colegas integrados na CONBECH, Confederación de Bombas Españolas de Chile. A axenda comezará cunha visita ao Memorial de Mártires dos Bombeiros, na Praza dos Reis, para trasladarse despois ao lugar onde está prevista a doazón física, a sede da Décima Compañía Bomba España.

Ademais de Miranda, agárdase a presenza neste acto do embaixador e mailo cónsul xeral de España en Chile, así como do conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada, e do presidente da Asociación de Institucións Españolas de Chile, entre moitas outras autoridades locais e galegas, e representantes dos corpos de bombeiros. Nesa xornada, a axenda do máximo responsable en materia de Emigración na Xunta remata coa inauguración da exposición Emigración Galega a América.

Na Arxentina
Xa na xornada do domingo, Rodríguez Miranda cruza os Andes para participar na gran celebración anual do Centro Cultural do Partido da Estrada. Esta comunidade asentada en Bos Aires, fundada en 1943 e que conta con case medio milleiro de socias e socios, forma parte da Unión de Sociedades Galegas na Arxentina. O seu obxectivo fundacional é “espallar a cultura galega en toda a súa amplitude”, e arestora atesoura dous grupos ben activos e coñecidos de gaitas, e de baile tradicional galego.

1318 lecturas